martes, 22 de decembro de 2015

ENTRADA 2

  • Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
  • Docente: Eduardo Varela
  • Unidade: 2
Avaliación no ensino de LE

Para a introdución da segunda unidade, o docente explicounos a diferenza de dous tipos de avaliación: a interna e a externa. Por unha banda, a primeira fai referencia á avaliación de certos aspectos levados a cabo dentro dos centros educativos, como por exemplo, o propio funcionamento, os programas, as actividades e os resultados alcanzados ao final do curso escolar. Por outra banda, a segunda é aquela avaliación que serve de base para a toma de decisións no tocante ós logros, non só a final de cada etapa, senón que tamén no proxecto global (por exemplo: as avaliacións de diagnóstico).

Os termos ‘avaliación’ e ‘calidade’ están moi vinculados cada vez que nos referimos a un contexto de aula, xa que a análise dos procesos do centro educativo é necesaria para perfeccionar a metodoloxía de aprendizaxe. É dicir, a avaliación no ámbito educativo permítenos mellorar e innovar. Sen embargo, parece ser que este feito se aplica só na teoría e non na práctica, e máis cando falamos do ensino das linguas estranxeiras.

De acordo co marco estratéxico ‘Educación e Formación 2020’, o coñecemento e aprendizaxe de idiomas é un aspecto primordial nos individuos. A comunicación en linguas estranxeiras é unha das oito competencias clave para mellorar a calidade e eficacia da educación e a formación, xa que esta inclúe certas vantaxes como:

1. Mellora das habilidades lingüísticas cando nos comunicamos
2. Mediación e entendemento intercultural
3. Mellora da capacidade de inserción laboral
4. Axuda na mobilidade


A pesar desta importancia, España ocupa un posto por debaixo da media cando falamos da competencia (tanto lingüística como comunicativa) do estudando español en linguas estranxeirasQue é o que ocorre entón? Dende a miña experiencia persoal, creo que o alumnado é preparado para aprobar e superar os exames que se van impondo ao longo do curso (competencia lingüística: coñecemento de determinadas regras gramaticais). É dicir, o importante non parece que é aprender a lingua, senón que acadar certos obxectivos establecidos  no currículo escolar e na programación. Deste xeito, a lingua estranxeira é aprendida por 'obriga', feito que fai desaparecer o interese e a motivación polas materias en cuestión.


Os/as docentes, o alumnado e as familias deberían ser conscientes de que o coñecemento e fluidez nunha lingua estranxeira (competencia comunicativa: habilidade ou destreza para empregala lingua) non se adquire estudando as materias curriculares nesa lingua. Existen outro tipo de actividades, como as complementarias e extraescolares (tándems, estadías no estranxeiro, intercambios xuvenís, escolas de idiomas...), que axudan ao alumnado non só a mellorar e obter bos resultados, senón que tamén a aprender dunha maneira diferente e motivadora. Sen embargo, este tipo de actividades confrontan o que se espera de nós coma docentes (facer probas e exames para avaliar ao alumnado) contra o que deberiamos facer (ensinar a lingua estranxeira dunha maneira diferente que faga espertar a curiosidade no alumnado). 



sábado, 12 de decembro de 2015

ENTRADA 1

  • Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional 
  • Docente: Eduardo Varela 
  • Unidade: 1 
O MCER no seu contexto político e educativo

Para rematar o primeiro tema, o docente fixo referencia unha vez máis ao Marco Común Europeo de Referencia (MCER). Nesta segunda sesión, estivemos falando sobre os 9 capítulos que conforman dito documento. Dende a miña opinión, creo que o primeiro deles, o cal fala da política lingüística da comunidade, é un dos puntos máis relevantes para as persoas que estamos relacionadas co mundo das Linguas Estranxeiras, e máis no campo da docencia.
O principal obxectivo do Consello de Europa é o de acadar unha maior unidade entre todos os membros. Para iso, é moi importante que todas as persoas adquiran un mellor coñecemento das linguas europeas modernas co fin de facilitar, principalmente, a comunicación e a interacción entre os individuos que posen distintas linguas maternas. Deste xeito, e con dito coñecemento en man, todos estariamos preparados para: 
  • Viaxar, comunicarnos e actuar dunha maneira máis eficaz 
  • Respectar ás distintas variedades que conviven nun mesmo contexto (identidades e diversidade cultural) 
  • Preservar un dos elementos claves das diferentes culturas, é dicir, a lingua (evitando que as linguas minoritarias estean en perigo de extinción) 
  • Favorecer as necesidades dunha Europa multilingüe e multicultural e, consecuentemente, superar as barreiras lingüísticas e culturais 
  • Evitar os prexuízos que existan sobre certas culturas e a discriminación 
  • Fortalecer o sentimento de identidade 

Como se pode observar, fomentar o coñecemento de varias linguas ou a coexistencia de diferentes linguas nunha sociedade determinada (multilingüismo) é esencial. Para iso, o MCER indica que é preciso ou ben integrar a ensinanza dunha maior variedade de linguas dentro dos centros educativos, ou reducir a posición dominante do inglés na comunicación internacional. Sen embargo, creo que ambas solucións son difíciles de levar a cabo xa que: 
  • Por unha banda, o sistema educativo español está actualmente baseado na aprendizaxe dunha serie de obxectivos. Cada estudante debe acadar certas competencias estipuladas no currículo, polo que o tempo é un factor determinante. Se se pretende integrar a ensinanza dunha maior variedade de linguas, seguramente, outras materias importantes veríanse afectadas no tocante ao número de horas dedicadas a certa materia. 
  • Por outra banda, o inglés foi dende sempre a lingua estranxeira por excelencia dos intercambios internacionais, é dicir, da globalización. Por iso, considero que modificar o estatus/prestixio desta lingua non é unha tarefa doada. 
A pesar dos hándicaps presentados, os/as docentes deberían intentar fomentar o emprego e estudo das linguas estranxeiras dentro das aulas. Para iso, cada docente pode informar ao alumnado sobre os programas de mobilidade presentes na Unión Europea ou fomentar o coñecemento das diversas culturas a través das TIC (por exemplo: colaboración en blogs internacionais ou realización de cursos online ofrecidos por institucións doutros países)

mércores, 9 de decembro de 2015

Adivina quen...

Este pintor surrealista naceu o 11 de maio de 1904 en Figueras (España). A morte de seu irmá, nado tres anos antes, provocou unha crise de personalidade no artista, ao crer que el era a copia do seu irmá morto. En 1921, a súa nai morreu como consecuencia dun cancro, sendo esta perda un dos golpes máis fortes que sufriu na súa vida.

Un ano máis tarde, en 1922, este pintor foi aceptado pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Foi durante a súa estancia na capital que coñeceu grandes artistas da súa época. Co tempo, volveuse moi famoso. Unha das súas obras máis recoñecidas mundialmente é a seguinte:

Sabes a que famoso nos referimos?

martes, 1 de decembro de 2015

Extra comprehension task

Aquí estamos cunha nova ferramenta que vai máis alá do papel: a aplicación Issuu. Con ela puiden crear esta actividade extra de comprensión auditiva, para que o estudantado poida practicar na casa esta destreza (fai click aquí ou na imaxe para visualizala).


Esta aplicación é moi útil, xa que permite compartir tarefas deste tipo sen necesidade de utilizar papel. Así mesmo, Issuu achega unha variedade de opcións para crear actividades moi interesantes. Se estás interesado/a, bótalle un vistazo!

xoves, 26 de novembro de 2015

Proxecto

Para a última sesión da materia, debo realizar un proxecto no que empregue ferramentas que vaian máis alá do papel, é dicir, as TIC. Para esta tarefa, traballarei con Nair Melo (podedes consultar o seu blog facendo click na ligazón).

Hoxe estivemos diseñando o noso plan de traballo (realizado desta vez con Prezi). Aquí volo deixo:

Travelling

Aquí adxunto outra actividade feita coa aplicación Educaplay. Esta vez amósovos unha sopa de letras onde están escondidos varios nomes de países.

Nationalities

A seguinte actividade está pensada para traballar coas nacionalidades. O programa empregado para crear esta tarefa foi o mesmo que na anterior: Educaplay.

Tasting new food

Aquí vos deixo unha actividade feita coa aplicación Educaplay para practicar algún vocabulario relacionado coa comida de diferentes países. Enjoy it!

Presentación 3, 2, 1...

Aquí vos deixo unhas das tarefas realizadas na primeira sesión da materia. A través da aplicación Storybird, pódese crear un conto como este para presentarse o primeiro día de clase:


Espero que vos guste :)

Benvid@s

Este é o meu blog para a materia Estratexias de innovación docente no campo das Linguas Estranxeiras. Nel subirei as actividades que realizo na clase, coa finalidade de aportar ideas innovadoras que se poden levar a cabo dentro da aula. Todas e cada unha delas serán tarefas que van máis alá do papel e que serven como ferramenta para aprender dunha maneira divertida.

Moitas grazas pola vosa visita!

Licencia Creative Commons
Máis alá do papel por Adriana Pérez Pazo se distribuye bajo una Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
Basada en una obra en http://maisaladopapel.blogspot.com.es/.