sábado, 5 de marzo de 2016

DIARIO 12

Sesión: 3, Marzo

Despois de seis meses de mestrado, ata aquí chegou a nosa andadura da parte teórica. Toca agora enfrontarse á realidade (esa da que tanto nos falaron todos e cada un dos docentes) e de aplicar todo o aprendido. Así mesmo, poño tamén fin (de momento) a este blog. Pero antes, esta entrada estará centrada na miña opinión sobre a última materia que tivemos: Didáctica das Ensinanza das Linguas Estranxeiras.

Por unha parte, tócame dalas grazas aos docentes por compartir con todos nós as súas experiencias e por saber impartir clases tan amenas. Sen dúbida algunha, esta materia servirame de gran axuda na miña nova andadura como futura docente. As ganas que nos transmitistes reflexan á perfección a vosa vocación, feito que espero saber amosarlle ao meu estudantado.

Xa que a reflexión foi pedida polas docentes Ana Fontenla e Mª Luz Valencia, velaquí a miña opinión sobre as vosas sesións:

Primeiramente, dicirvos que oxalá nun futuro teña tantas enerxías e ganas de comerse o mundo da adolescencia como vós. A vosa vitalidade e vocación son dous aspectos importantes que todo docente debería poseer. Grazas a vós, aprendín un montón de actividades e recursos que poderei aplicar co grupo-aula. Sinceramente, creo que a vosa forma de dar clase é estupenda, xa que todo o que facedes, o facedes dende o corazón e sempre pensando no ben do voso estudantado, elemento fundamental do noso ser. A motivación que transmitides e o entusiasmo polo voso campo fan que o alumnado teña outra atitute (totalmente positiva) cara unha das materias máis odiadas entre os teenagers.

Xa que tamén queriades suxerencias e/ou aspectos negativos, só engadir que é unha mágoa o rápido que pasa o tempo. Unha materia tan importante como a vosa debería ter unha duración máis longa, xa que todo foi a correr e obtivemos un montón de información en pouco tempo. Claramente, e como dicides vós, a verdadeira formación está aí fóra, enfrontándose á realidade. Sen embargo, de profesoras tan boas como vós tamén se aprende escoitando.

Algún día espero chegar ao cume da montaña co mesmo éxito ca vós. Noraboa polo voso traballo e dedicación!

DIARIO 11

Sesión: 2, Marzo

Para a penúltima clase da materia, a docente Ana Fontenla pediunos que fixésemos unha reflexión sobre o que vimos durante a sesión, por iso, nesta entrada de Diario, falarei da metodoloxía AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos en Lingua Estranxeira) -en inglés CLIL (Content Language Integrated Learning- e dos auxiliares de conversa.

Durante a sesión, a docente falounos en base a súa experiencia, xa que é unha das encargadas da sección bilingüe no centro educativo no que traballa. Ana xunto con outra profesora integran dous obxectivos dentro da materia das matemáticas, é dicir, o alumnado non só aprende os contidos curriculares da materia en cuestión, senón que tamén desenvolve a súa capacidade na lingua estranxeira (neste caso, inglés).

Dende o meu punto de vista, creo que este tipo de metoloxía posee unha variedade de vantaxes. Primeiramente, o alumnado está en contacto coa L2, polo que potencia as súas habilidades en idiomas (sobre todo a destreza de produción oral). Así mesmo, ofrece expectativas novas no ensino-aprendizaxe, xa que é fundamental o emprego dunha variedade de materiais e recursos didácticos (a motivación vese potenciada; trabállase dunha maneira moi diferente á tradicional). Ademais, fomenta o traballo en equipo e favorece os procesos de pensamento creativo e crítico. Non olvidemos tamén, que o feito de impartir as clases con esta metoloxía eleva o perfil de ensinanza de linguas estranxeiras de todo o centro educativo (sempre que se conte con profesorado cualificado).

Sen embargo, a pesar das vantaxes citadas, creo que existen dous aspectos negativos: o escaso nivel de acreditación que se lle pide ao profesorado que quere participar (B2 na L2 en cuestión) e o gran esforzo e traballo extra que teñen que facer os docentes encargados da materia (coordinación entre profesorado, búsqueda de actividades, preparación do alumnado noutras horas...). Pero como din, todo esforzo ten a súa recompensa, por iso creo que ás veces é bo apostar se se conta cos recursos necesarios e pensar sempre no noso alumnado.

Por último, a docente falounos dos auxiliares de conversa. Grazas á sección bilingüe, o seu centro educativo conta cunha rapaza americana que lle axuda a impartir as clases de inglés. Sinceramente, creo que este feito resulta moi beneficioso para todos o alumnado, xa que está exposto a un inglés nativo real (mellora da produción e comprensión oral). Nun ano da EOI, tivera unha auxiliar canadiense coa que aprendín non só da lingua en sí, senón que tamén da súa cultura. Sen embargo, se houbese que engadir un aspecto negativo, sería o escaso tempo que podiamos disfrutar da súa compañía, xa que soamente nos visitaba media hora á semana. Pero algo é algo!

mércores, 2 de marzo de 2016

DIARIO 10

Sesión: 1, Marzo

Como xa dixen na miña entrada de Dosier, na sesión de hoxe con Carlos Valcárcel falamos sobre a avaliación na aula de linguas estranxeiras. Velaquí un pequeno resumo:

Ao principio da clase, falamos sobre os principios básicos que debería reunir todo o sistema de avaliación:


Logo falamos dos tipos de avaliación. A pesar de que existen varios, nesta sesión o docente centrouse en dous que teñen que ver coa persoa que a realiza e co tempo:


E finalmente, falamos dos criterios de avaliación (teñen que constar na programación) e as ferramentas de avaliación (lista de control, a grade de avaliación e a folla de observación).  Como xa vimos, tanto na produción oral como na escrita, as ferramentas de avaliación poden ser as mesmas. Sen embargo, os criterios cambian:


Mentres falabamos na clase sobre a avaliación de diagnóstico, veume á cabeza unha mala experiencia con este tipo de probas iniciais. O ano pasado asistín ao curso de inglés que organiza a UIMP, onde, como xa saberedes, o número máximo de persoas por clase é de cinco estudantes (clases para practicar a produción oral). A pesar de que fan un previo exame online e te clasifican por nivel antes de asistir ao curso, unha vez alí vólvenche repetir unha proba escrita (tipo test) e logo unha pequena proba oral onde as preguntas que se formulan incrementan a súa dificultade. Pois ben, tanto no exame que fixera online como no tipo test obtivera boa nota, sen embargo, parece ser que había unha persoa con mellor inglés, polo que a min me baixaron de nivel para deixarlla miña plaza.

A semana pasaba e eu vía que na nova clase non aprendía moito, xa que cos que estaba tiñan un nivel moito máis inferior. O último día de clase (cando se fai unha avaliación da semana), o coordinador falou comigo e díxome que lle dera a sensación de que non estivera cómoda nas sesións (obviamente sabía que non era polos compañeiros, senón que polo nivel e a frustración que me provocou que me baixaran de nivel). Pero, cal foi a miña sorpresa? Cando recollín o diploma, vin que me certificaran o nivel superior e non no que pasara toda a semana.

Ben certo é que unha proba de avaliación inicial axuda a orientar tanto ao aprendente como ao docente. Sen embargo, creo que nun só día ou simplemente cunha actividade moi curta non se pode dar nada por entendido, xa que, por exemplo, no meu caso, provocou unha frustración enorme que podería traer consigo consecuencias moi negativas (i.e. pensar que non valo para dedicarme ao que toda a vida quixen ser).

E a vós, pasouvos algo parecido? Vístesvos algunha vez nunha situación similar?

martes, 1 de marzo de 2016

DOSIER 10

Sesión: 1, Marzo

Hoxe na última sesión co docente Carlos Valcárcel falamos sobre a avaliación na aula de linguas estranxeiras. Desta vez, só fixemos dúas actividades colaborativas. Aquí vos deixo un resumo coas conclusións:

PRIMEIRA ACTIVIDADE



Nesta primeira actividade, realizada en pirámide, tivemos que mencionar os tres aspectos negativos ou carencias da avaliación que observamos ao longo da nosa andadura académica. A pesar de que cada un estudou en centros educativos distintos, todos coincidimos nas respostas: non se presentaban os criterios de avaliación, a gramática tiña un peso importante na nota final e os exames orais eran escasos ou nulos.

Como xa vimos, a avaliación ten que estar accesible tanto para o alumnado como para as familias, xa que canta máis transparencia exista, menor número de problemas xurdirá. Ademais, do mesmo xeito que os docentes teñen que ter en conta as diferentes metodoloxías para variar e facer máis amenas as súas clases (motivación), tamén deberían ofrecer máis posibilidades de avaliación. Deste xeito, non expoñerían aos estudantes a un único exame de gramática final, onde diversos factores poden xogar na contra dun estudante (ter un mal día, estar cansado...). Finalmente, e con relación ao speaking, comentar que no instituto no que estudei, sí que tiña un exame oral ao trimestre (aspecto que me diferenciaba dalgunhas compañeiras ao facer a actividade). Para presentarse, debía ler un libro de lectura e logo, o día da proba, responder a unhas preguntas de forma oral (interacción co docente). A pesar de ter este exame, con anterioridade case nunca practicaba a produción oral dentro da aula, xa que o profesor só se centraba na gramática. Non credes que é un pouco ilóxico?

SEGUNDA ACTIVIDADE

Na segunda actividade, traballamos co manual Entre Nous. En grupos de 3, tivemos que seleccionar unha actividade de produción escrita ou oral e analizala. Velaquí as conclusións do meu grupo para a actividade 6A-B da páxina 24:

  • A primeira pregunta conleva unha resposta curta
  • A segunda pregunta conleva unha resposta pechada, xa que se dan opcións 
  • Ningunha é incorrecta
  • A partir do texto, preséntanse contidos gramaticais e de produción oral
Cando comentamos en alto todas as conclusións que sacara cada grupo, puidemos ver que, a pesar de que sempre se tende a facer o mesmo tipo de actividades, algúns manuais se diferenciaban entre si debido ao grao de complexidade das actividades (non é o mesmo realizar unha actividade con resposta dirixida que unha onde se ten que expresar a propia opinión).

domingo, 28 de febreiro de 2016

DIARIO 9

Sesións: 24-25, Febreiro

Como complemento da entrada de Dosier das sesións do 24-25 de Febreiro, aquí vos deixo unha pequena reflexión.

Por unha banda, na sesión do día 24, a docente Mª Luz Valencia amosounos diferentes actividades que se podían empregar dentro da aula e que se centraban na produción escrita. Como ben xa comentamos hai que aproveitar o tempo das sesións para realizar actividades de expresión oral (que é o que en certa medida o alumnado non pode practicar só na casa) e mandar as redaccións de deberes (leva moito máis tempo e así tamén se pode facer consultar nos dicionarios). Así mesmo, tamén mencionamos que cada vez que mandamos un writing, o ideal sería realizar traballo previo dentro da aula que tivese relación co que lles propomos aos estudantes. 

Sen dúbida algunha, son das que comparto ambas ideas. Sen embargo, tamén penso que de vez en cando hai que realizar algunha práctica de produción escrita no tempo da sesión (dentro da aula) para que o alumnado se acostume a non ter ningunha fonte de información onde buscar como se escribe ou se di un termo. Desta maneira, tanto o estudante como o propio docente daranse conta dos erros reais do alumnado.

Por outra banda, na sesión do día 25, a docente Ana Fontenla ensinounos diferentes actividades para practicar a comprensión escrita. Ao principio da sesión, fixo fincapé en que o alumnado estaba tan obsesionado por entender todo o texto que moitas veces non entendía nada. Por iso, ensinounos certas actividades para amosarlles aos nosos futuros alumnos que sí se pode captar perfectamente o sentido dun texto aínda que non se entendan certas palabras. Sen embargo, e baseándome na miña experiencia persoal, creo que na realidade a situación muda. Por exemplo, cando estou nalgún exame de inglés e hai algún exercicio de True ou False, creo que é imprescindible coñecer todas as palabras, xa que se un deses termos que non entendes é a palabra clave para saber se o enunciado proposto é verdadeiro ou falso, como fas? Posiblemente a vosa resposta sexa "sábese polo contexto da frase", pero non sempre é tan fácil...

Aprender un idioma require un traballo constante. Por iso, nós, como futuros docentes, temos que motivar ao noso alumnado para que non se desanime (por exemplo, realizando actividades divertidas) e, sobre todo, facerlles saber que se queren, poden.

DOSIER 9

Sesións: 24-25, Febreiro

Esta semana, a docente Mª Luz Valencia amosounos unha páxina web moi interesante sobre recursos para as nosas clases de inglés: Lessonstream. Dela, tivemos que seleccionar unha actividade coa que se traballase a expresión escrita, reflexionar por que a escollemos, para que curso a empregaríamos e se lle faríamos algunha modificación. Fai clic na seguinte imaxe para ver o lesson plan da miña proposta:


Que se traballa con esta actividade? A principal finalidade desta actividade é aprender diferentes adxectivos (para iso preséntanse os debuxos de Mr. Men creados por Roger Hargreaves). Así mesmo, o alumnado revisa o presente simple.

Por que elixín esta actividade? Velaquí algunhas das razóns polas que esta actividade me convenceu:

  1. "Unha boa redacción en inglés é aquela que contén moitos e diferentes adxectivos" - recórdoo perfectamente. Estas foron as palabras dun dos docentes de inglés que tiven ao longo da miña andadura académica. E ben certo que é. Sen embargo, un dos problemas principais que xorde cando temos que escribir un writing é a falta de vocabulario que nos enriqueza o noso texto. Por iso, creo que esta actividade, que está presentada dunha forma lúdica, é unha boa práctica para ensinarlle ao alumnado unha lista de adxectivos de forma que a poidan recordar (máis motivador que proporcionarlle unha lista para memorizar). Desta maneira, cada estudante será quen de empezar a usar unha serie de adxectivos que van máis alá do que empregamos sempre, é dicir, nice
  2. Esta actividade é unha boa práctica para que o alumnado revise un dos tempos verbais que lles soe costar moito: o presente simple. A pesar de que no inglés só existen dúas formas verbais do presente, a maioría dos estudantes sempre se esquecen da -s da terceira persoa.
  3. A actividade fomenta tanto o traballo individual como en equipo, feito que me parece unha boa idea para que se cree unha atmosfera positiva dentro do grupo-aula.
  4. A través da actividade teremos en conta a atención á diversidade. Aqueles alumnos que sexan máis creativos ou que teñen maior coñecemento da lingua poderán escribir unha redacción máis complexa; por outra banda, aqueles que teñan maiores dificultades, poderán limitarse soamente as instrucións que se lles manda (variedade no grao de complexidade).
  5. A actividade permite poñer en práctica todos e cada unha das destrezas, non só se centra na expresión escrita.
  6. O feito de presentar debuxos así como diversos xogos para aprender os adxectivos pode resultar motivador para o alumnado.
En que curso se podería empregar? A actividade sería levada a cabo en 1º ou 2º ESO, xa que é cando se pon máis énfase no presente simple (unha das primeiras unidades dos libros de texto). Aínda que se podería adaptar para cursos cun nivel superior: as imaxes poderíannos servir para traballar outro tempo verbal e inventar outra historia.

Que variacións se poderían facer? A pesar de que a actividade está moi ben, velaquí algunhas variacións coas que aplicamos certas actividades que vimos nas sesións desta materia:
  1. No apartado 1, en vez de facer un brainstorming de adxectivos aleatorios, poderíase facer un brainstorming seguindo a orde do abecedario. Logo poderíanse engadir máis adxectivos (posible problema: nivel do alumnado). Outra posibilidade sería amosar un dos Mr. Men e facer un brainstorming coas ideas que se lle veña ao alumnado á cabeza nese momento (desta forma poderiamos ver canta variedade de adxectivos empregarían).
  2. Outra dos opcións para o apartado 1 sería xogar ao xogo do Taboo. O docente podería empregar este xogo para practicar a expresión oral. Outra posibilidade sería facer unha pequena representación a través de mímica.
  3. Para repasar todos aqueles adxectivos que son importantes para os seguintes pasos da actividade (apartado 2), poderíase facer un crossword coa aplicación Puzzlemaker. Desta forma, o alumnado practicaría a comprensión escrita.
  4. Para o apartado 3, cando se lle pregunta se coñecen ao autor, poderíase entregar algunha biografía na que non se mencionase o seu nome; eles tivesen que adiviñalo.
  5. No apartado 6, poderíase dar outra título para ter dúas opcións para o writing: Day in the life ou What is he like?
  6. O docente podería pegar as redaccións pola clase e o alumnado tería que adiviñar a que Mr. Men fai referencia cada unha delas.
  7. Outro xogo que se podería levar a cabo sería o seguinte: en grupos de 3-4 persoas, cada estudante escribe un dos adxectivos nun post-it (i.e. Mr. Busy). Cada estudante pegaríalle o post-it na fronte do compañeiro da dereita. A través de preguntas de yes-no answers, terían que adiviñar que Mr. Men lles pegaron (esta variación levaríase a cabo en cursos cun maior nivel de inglés)
En conclusión, creo que esta actividade podería axudar moito a mellorar a calidade das redaccións dos nosos alumnos. Así mesmo, é unha maneira de aprender divertíndose, polo que a motivación sería maior (maior grao de participación). Finalmente, con esta actividade non nos centraremos soamente nunha destreza, senón que poderemos prácticar todas e cada unha delas.

mércores, 24 de febreiro de 2016

DIARIO 8

Sesión: 23, Febreiro

Déixovos aquí un resumo dos contidos que vimos na penúltima clase do docente Carlos Valcárcel sobre as programacións:



Como reflexión, adxúntovos aquí un padlet con aqueles aspectos positivos que, dende o meu punto de vista, fan que as programacións sexan un elemento indispensable na xestión docente:


Como podedes ver, as programacións non só lles proporcionan información esencial aos docentes, senón que tamén serven de guía ao propio alumnado e ás familias, por iso sempre é bo tela accesible nas webs dos centros. Para finalizar, gustaríame compartir con vós unha situación que vivín nun dos cursos académicos do grao e que ten que ver coa mala coordinación entre dous docentes (aspecto que mencionei no padlet): Para unha materia de LE tiña dous docentes que non se levaban ben. Como consecuencia dunha nula coordinación entre ambos os dous, cun deles realizaba actividades dun nivel básico (xa que comezabamos de 0) mentres que coa outra persoa xa revisara todos os tempos verbais desa LE ou incluso aprendera a transcribir foneticamente. Todos os meus compañeiros e eu estabamos un pouco desconcertados. Posiblemente, se existise unha boa relación entre eles, poderiamos aproveitar mellor o tempo. E no caso de non habela, sempre hai que pensar no alumnado (que sofre as consecuencias negativas) e saber separar o persoal do profesional.

Algunha vez vos pasou o mesmo que min? Que opinades sobre os aspectos positivos das programacións? Falta algún?