domingo, 28 de febreiro de 2016

DIARIO 9

Sesións: 24-25, Febreiro

Como complemento da entrada de Dosier das sesións do 24-25 de Febreiro, aquí vos deixo unha pequena reflexión.

Por unha banda, na sesión do día 24, a docente Mª Luz Valencia amosounos diferentes actividades que se podían empregar dentro da aula e que se centraban na produción escrita. Como ben xa comentamos hai que aproveitar o tempo das sesións para realizar actividades de expresión oral (que é o que en certa medida o alumnado non pode practicar só na casa) e mandar as redaccións de deberes (leva moito máis tempo e así tamén se pode facer consultar nos dicionarios). Así mesmo, tamén mencionamos que cada vez que mandamos un writing, o ideal sería realizar traballo previo dentro da aula que tivese relación co que lles propomos aos estudantes. 

Sen dúbida algunha, son das que comparto ambas ideas. Sen embargo, tamén penso que de vez en cando hai que realizar algunha práctica de produción escrita no tempo da sesión (dentro da aula) para que o alumnado se acostume a non ter ningunha fonte de información onde buscar como se escribe ou se di un termo. Desta maneira, tanto o estudante como o propio docente daranse conta dos erros reais do alumnado.

Por outra banda, na sesión do día 25, a docente Ana Fontenla ensinounos diferentes actividades para practicar a comprensión escrita. Ao principio da sesión, fixo fincapé en que o alumnado estaba tan obsesionado por entender todo o texto que moitas veces non entendía nada. Por iso, ensinounos certas actividades para amosarlles aos nosos futuros alumnos que sí se pode captar perfectamente o sentido dun texto aínda que non se entendan certas palabras. Sen embargo, e baseándome na miña experiencia persoal, creo que na realidade a situación muda. Por exemplo, cando estou nalgún exame de inglés e hai algún exercicio de True ou False, creo que é imprescindible coñecer todas as palabras, xa que se un deses termos que non entendes é a palabra clave para saber se o enunciado proposto é verdadeiro ou falso, como fas? Posiblemente a vosa resposta sexa "sábese polo contexto da frase", pero non sempre é tan fácil...

Aprender un idioma require un traballo constante. Por iso, nós, como futuros docentes, temos que motivar ao noso alumnado para que non se desanime (por exemplo, realizando actividades divertidas) e, sobre todo, facerlles saber que se queren, poden.

DOSIER 9

Sesións: 24-25, Febreiro

Esta semana, a docente Mª Luz Valencia amosounos unha páxina web moi interesante sobre recursos para as nosas clases de inglés: Lessonstream. Dela, tivemos que seleccionar unha actividade coa que se traballase a expresión escrita, reflexionar por que a escollemos, para que curso a empregaríamos e se lle faríamos algunha modificación. Fai clic na seguinte imaxe para ver o lesson plan da miña proposta:


Que se traballa con esta actividade? A principal finalidade desta actividade é aprender diferentes adxectivos (para iso preséntanse os debuxos de Mr. Men creados por Roger Hargreaves). Así mesmo, o alumnado revisa o presente simple.

Por que elixín esta actividade? Velaquí algunhas das razóns polas que esta actividade me convenceu:

  1. "Unha boa redacción en inglés é aquela que contén moitos e diferentes adxectivos" - recórdoo perfectamente. Estas foron as palabras dun dos docentes de inglés que tiven ao longo da miña andadura académica. E ben certo que é. Sen embargo, un dos problemas principais que xorde cando temos que escribir un writing é a falta de vocabulario que nos enriqueza o noso texto. Por iso, creo que esta actividade, que está presentada dunha forma lúdica, é unha boa práctica para ensinarlle ao alumnado unha lista de adxectivos de forma que a poidan recordar (máis motivador que proporcionarlle unha lista para memorizar). Desta maneira, cada estudante será quen de empezar a usar unha serie de adxectivos que van máis alá do que empregamos sempre, é dicir, nice
  2. Esta actividade é unha boa práctica para que o alumnado revise un dos tempos verbais que lles soe costar moito: o presente simple. A pesar de que no inglés só existen dúas formas verbais do presente, a maioría dos estudantes sempre se esquecen da -s da terceira persoa.
  3. A actividade fomenta tanto o traballo individual como en equipo, feito que me parece unha boa idea para que se cree unha atmosfera positiva dentro do grupo-aula.
  4. A través da actividade teremos en conta a atención á diversidade. Aqueles alumnos que sexan máis creativos ou que teñen maior coñecemento da lingua poderán escribir unha redacción máis complexa; por outra banda, aqueles que teñan maiores dificultades, poderán limitarse soamente as instrucións que se lles manda (variedade no grao de complexidade).
  5. A actividade permite poñer en práctica todos e cada unha das destrezas, non só se centra na expresión escrita.
  6. O feito de presentar debuxos así como diversos xogos para aprender os adxectivos pode resultar motivador para o alumnado.
En que curso se podería empregar? A actividade sería levada a cabo en 1º ou 2º ESO, xa que é cando se pon máis énfase no presente simple (unha das primeiras unidades dos libros de texto). Aínda que se podería adaptar para cursos cun nivel superior: as imaxes poderíannos servir para traballar outro tempo verbal e inventar outra historia.

Que variacións se poderían facer? A pesar de que a actividade está moi ben, velaquí algunhas variacións coas que aplicamos certas actividades que vimos nas sesións desta materia:
  1. No apartado 1, en vez de facer un brainstorming de adxectivos aleatorios, poderíase facer un brainstorming seguindo a orde do abecedario. Logo poderíanse engadir máis adxectivos (posible problema: nivel do alumnado). Outra posibilidade sería amosar un dos Mr. Men e facer un brainstorming coas ideas que se lle veña ao alumnado á cabeza nese momento (desta forma poderiamos ver canta variedade de adxectivos empregarían).
  2. Outra dos opcións para o apartado 1 sería xogar ao xogo do Taboo. O docente podería empregar este xogo para practicar a expresión oral. Outra posibilidade sería facer unha pequena representación a través de mímica.
  3. Para repasar todos aqueles adxectivos que son importantes para os seguintes pasos da actividade (apartado 2), poderíase facer un crossword coa aplicación Puzzlemaker. Desta forma, o alumnado practicaría a comprensión escrita.
  4. Para o apartado 3, cando se lle pregunta se coñecen ao autor, poderíase entregar algunha biografía na que non se mencionase o seu nome; eles tivesen que adiviñalo.
  5. No apartado 6, poderíase dar outra título para ter dúas opcións para o writing: Day in the life ou What is he like?
  6. O docente podería pegar as redaccións pola clase e o alumnado tería que adiviñar a que Mr. Men fai referencia cada unha delas.
  7. Outro xogo que se podería levar a cabo sería o seguinte: en grupos de 3-4 persoas, cada estudante escribe un dos adxectivos nun post-it (i.e. Mr. Busy). Cada estudante pegaríalle o post-it na fronte do compañeiro da dereita. A través de preguntas de yes-no answers, terían que adiviñar que Mr. Men lles pegaron (esta variación levaríase a cabo en cursos cun maior nivel de inglés)
En conclusión, creo que esta actividade podería axudar moito a mellorar a calidade das redaccións dos nosos alumnos. Así mesmo, é unha maneira de aprender divertíndose, polo que a motivación sería maior (maior grao de participación). Finalmente, con esta actividade non nos centraremos soamente nunha destreza, senón que poderemos prácticar todas e cada unha delas.

mércores, 24 de febreiro de 2016

DIARIO 8

Sesión: 23, Febreiro

Déixovos aquí un resumo dos contidos que vimos na penúltima clase do docente Carlos Valcárcel sobre as programacións:



Como reflexión, adxúntovos aquí un padlet con aqueles aspectos positivos que, dende o meu punto de vista, fan que as programacións sexan un elemento indispensable na xestión docente:


Como podedes ver, as programacións non só lles proporcionan información esencial aos docentes, senón que tamén serven de guía ao propio alumnado e ás familias, por iso sempre é bo tela accesible nas webs dos centros. Para finalizar, gustaríame compartir con vós unha situación que vivín nun dos cursos académicos do grao e que ten que ver coa mala coordinación entre dous docentes (aspecto que mencionei no padlet): Para unha materia de LE tiña dous docentes que non se levaban ben. Como consecuencia dunha nula coordinación entre ambos os dous, cun deles realizaba actividades dun nivel básico (xa que comezabamos de 0) mentres que coa outra persoa xa revisara todos os tempos verbais desa LE ou incluso aprendera a transcribir foneticamente. Todos os meus compañeiros e eu estabamos un pouco desconcertados. Posiblemente, se existise unha boa relación entre eles, poderiamos aproveitar mellor o tempo. E no caso de non habela, sempre hai que pensar no alumnado (que sofre as consecuencias negativas) e saber separar o persoal do profesional.

Algunha vez vos pasou o mesmo que min? Que opinades sobre os aspectos positivos das programacións? Falta algún?

DOSIER 8

Sesión: 23, Febreiro

Nesta penúltima sesión do docente Carlos Valcárcel estivemos falando sobre as programacións. Velaquí as actividades colaborativas que realizamos en relación a este tema:

ACTIVIDADE COLABORATIVA: 1

Nesta primeira actividade, que a fixemos en pirámide, tiñamos que facer unha lista individual cos tres aspectos que considerabamos importantes nunha programación (paso 1). Unha vez decidido, tivemos que consensuar en grupos reducidos (paso 2). Finalmente, todo o grupo-aula chegamos a un acordo (paso 3).



A única dificultade que encontramos foi saber se elixiamos os obxectivos e os contidos. Pero unha vez que soubemos que o máis importante son aqueles aspectos que dependen do propio docente, tivemos clara a nosa decisión (obxectivos e contidos veñen dados polos currículos base).

ACTIVIDADE COLABORATIVA: 2

Nesta segunda actividade, tivemos que facer un brainstorming cos docuementos onde podemos buscar a información necesaria para elaborar unha programación didáctica.



A verdade é que sempre está ben facer este tipo de actividades, xa que, para o futuro vainos a servir de axuda cando as teñamos que elaborar.

ACTIVIDADE COLABORATIVA: 3

Para a última actividade, estivemos analizando en grupos de 3-4 persoas unha programación didáctica dun centro educativo galego. No meu grupo escollemos a do IES Valle Inclán, a cal foi moi fácil de seguir grazas a súa estrutura (segue a orde dos elementos que deben aparecer nunha programación - Resolución do 27 de Xullo do 2015). Así mesmo, en comparación a outras que elixiron os meus compañeiros, a do Valle Inclán parece moi completa, xa que fala de todos os apartados. Fai click na imaxe se queres ver unha análise máis detallada.


domingo, 21 de febreiro de 2016

DIARIO 7

Sesión: 18, Febreiro

Como complemento á entrada de Dosier da primeira sesión con Ana Fontenla, aquí vos deixo unha pequena reflexión.

Como xa mencionei en entradas anteriores, a maioría dos docentes que tiven ao longo da miña andadura académica seguían unha metodoloxía moi tradicional centrada na gramática e na realización de exercicios estruturais. Desafortunadamente, poucas eran as veces que practicabamos actividades de comprensión e produción oral.

Despois de ver os exemplos de listenings que se poden levar a cabo dentro da aula, quédame moi claro que programar sesións dedicadas á comprensión oral pode resultar moi motivador para o alumnado. Ademais, se se fan cun obxectivo claro, todos as ideas que vimos poden servir como complemento ao que se está dando nunha unidade do libro de texto (a través de cancións, por exemplo, pódese adquirir moito léxico), por iso non vexo impedimento algún para empregalos dentro da aula.

Así mesmo, todo docente debe ter en conta os pasos a realizar cando propón un listening. É imprecindible contar cun pre-listening que axude ao alumnado a estar preparado para afrontarse a conceptos novos. Da mesma maneira, é esencial repetir o listening ao menos dúas veces. E por último, é convinte facer unha actividade de post-listening para recapacitar sobre o aprendido ou aumentar a información que acabamos de proporcionar.

Por último, gustaríame mencionar outro dos elementos que, dende o meu punto de vista é fundamental cando realizamos actividades deste tipo e do que non se falou na clase: a duración do audio. Creo que de nada serve seguir a estrutura que acabo de mencionar, se logo se planifican actividades moi longas que poden chegar a desmotivar en vez de favorecer unha actitude positiva cara a lingua estranxeira. Este caso vívoo a maioría das veces que na Escola Oficial de Idiomas teño que facer unha práctica de listening. A docente sempre escolle vídeos moi longos (sen esaxerar nada, 20 minutos) e con temas moi complicados, polo que, a pesar de facer un pre-listening, moitas veces non entendo unha parte, polo que me perdo na audición. Ademais, como son tan longos, moitas veces só os reproduce unha vez, polo que a parte de non comprender, xa non podo participar nas preguntas ou no debate que facemos a posteriori.

Dende sempre, a destreza que peor se me deu foi a comprensión auditiva (proba disto son as notas dos exames en comparación con outras destrezas). Moitas veces saio da clase pensando que nunca mellorarei o listening, polo que me desmotivo. Por iso, e sabendo o mal que se pasa nestes casos, creo que nós, como futuros docentes debemos saber escoller ben, proporcionar material diverso para atender os distintos niveis de aprendizaxe dentro da aula e saber motivar ao alumnado.

DOSIER 7

Sesión: 18, Febreiro

Esta entrada de Dosier está relacionada coa primeira sesión da docente Ana Fontenla. Despois de ver diferentes actividades que promoven a comprensión oral dentro da aula, tivemos que deseñar unha a partir dun vídeo, audio ou canción que tivera a estrutura idónea para este tipo de actividades: pre-listening, listening e post-listening. Velaquí a miña, pensada para ou 2º ESO:

PRE-LISTENING (15'-20')

Antes de comezar o listening en si, levaranse a cabo dúas pequenas e simples actividades a modo de introdución do tema do audio (jobs and occupations) e que servirán para activar os coñecementos previos do alumnado:
  1. Por unha banda, a docente pediralle ao alumnado que por turnos vaian mencionando nomes de traballos e ocupacións que sepan (brainstoming). A docente irá escribindo as aportacións do alumnado no encerado.
  2. Por outra banda, a docente presentaralle ao alumnado unha actividade (sopa de letras) creada na plataforma virtual Educaplay. Cada estudante deberá atopar dez nomes de traballo (oito deles aparecerán no audio).

LISTENING (15')

A docente reproducirá o video (sen ser visto, xa que ten subtítulos) dúas veces (no caso de que fóra necesario unha terceira vez, volveríase reproducir; hai que evitar que o alumnado se desanime ao non entender nada as primeiras veces). A transcripción será entregada ao final da actividade.


  1. A primeira vez, o alumnado terá que seleccionar da lista da actividade 1 as profesións que escoita na canción (datos fáciles de extraer). Ver actividade 1 AQUÍ.
  2. Nunha segunda escoita, levarase a cabo unha actividade máis específica. O alumnado terá que completar os ocos baleiros da cancións coas palabras que escoiten. Ver actividade 2 AQUÍ.

POST-LISTENING (15')

Para rematar , levarase a cabo unha actividade de post-listening dentro da aula e outra fóra.
  1. AULA: A docente e o grupo-aula xogarán ao Taboo. Nun primeiro momento, a docente será a que explique os primeiros termos e o alumnado terá que adiviñar de que profesión se trata (input da profesora). Conforme avance a actividade, o alumnado terá tamén a súa oportunidade para ser o encargado de definir (input doutro estudante). Ver tarxetas do Taboo AQUÍ.
  2. CASA: Ao final da clase, a docente entregará a cada estudante unha imaxe con persoas que representan diferentes profesións (ver AQUÍ). O alumnado deberá escribir unha pequena redacción coas vantaxes e desvantaxes de dita ocupación e entregala o próximo día.

sábado, 20 de febreiro de 2016

DIARIO 6

Sesión: 17, Febreiro

Como complemento á entrada de Dosier da segunda sesión con Mª Luz Valencia, aquí vos deixo unha pequena reflexión.

A maioría das actividades exemplo que nos amosou a docente descoñecíaas antes da sesión. Este descoñecemento débese, en parte, a escasa práctica de produción oral nas clases de lingua estranxeira ao longo da miña escolarización. Como ben xa mencionei en entradas anteriores, a metodoloxía que seguían os docentes de LE que tiven na etapa secundaria baseábase en seguir o libro de texto (explicación de gramática e realización de exercicios). Noutras palabras, nunca realizamos actividades tan divertidas como o xogo de Taboo ou motivadoras como as de adiviñar unha historia a través dunha imaxe. Sen embargo, grazas á Escola Oficial de Idiomas, puiden por en práctica o meu speaking, xa que normalmente faciamos debates ou o xogo de two truths, one lie.

Sinceramente, é unha mágoa non ter a oportunidade de practicar a produción oral en LE dentro da aula, xa que moitos seguro que non se poden permitir economicamente unhas clases particulares. Ademais, os docentes deberían saber que non fai falta gastar tanto tempo na preparación das sesións para que estas sexan divertidas e motivadoras (proba disto son as actividades mostradas no libro The Minimax Teacher).

Por último, gustaríame añadir aquí un vídeo sobre un tema que mencionamos na clase: as intelixencias múltiples, e que como futuros docentes debemos ter en conta.


Non podemos olvidar que cada persoa é un mundo, por iso é esencial telo en conta para pór en valor ao alumnado recoñecendo as súas particularidades e potenciando as súas calidades.

DOSIER 6

Sesión: 17, Febreiro

Esta entrada de Dosier está relacionada coa segunda sesión da docente Mª Luz Valencia. Despois de ver diferentes actividades que promoven a expresión oral dentro da aula, tivemos que deseñar unha a partir dunha foto (persoal ou non) tendo en conta todo o mencionado durante a sesión. Velaquí unha idea pensada para alumnado de 2º ou 3º ESO:

PRIMEIRA PARTE: WARM-UP ACTIVITY (10-15')

Antes de comezar coa actividade en si, faremos un pequeno repaso (brainstorming) sobre o vocabulario relacionado coa roupa (necesario para a seguinte parte). 
  • Que empregaremos?: O espazo da aula e o encerado
  • Como se realizará a actividade?: Aínda que cada alumno conteste individualmente, será un xogo no que participe todo o grupo-aula
  • En que consiste?: Cada estudante distribuirase ao longo das paredes (por orden alfabético de apelidos). O primeiro terá que dicir I am wearing... e a prenda de roupa que saiba (i.e. I am wearing a pair of shoes ou I am wearing a scarf). Se acerta, este alumno permanece no seu sitio. Sen embargo, se falla e o seguinte alumno acerta, este segundo pasará a ocupar o lugar do primeiro. Ganará o que máis acertos obteña ao final (quedarán nas tres primeiras posicións). Nota: a docente irá apuntando o léxico que vaian dicindo no encerado
  • Cal é o obxectivo?: Repasar o vocabulario da roupa dunha forma máis entretida e motivadora,  e fomentar a produción oral en lingua estranxeira

SEGUNDA PARTE: LET'S PAINT AND GUESS (30')


Unha vez revisado o vocabulario relacionado coa roupa, pasaremos a actividade principal.
  • Que empregaremos?: Foto, papel e lapis/cores e pantalla dixital
  • Como se realizará a actividade?: En parellas e logo todo o grupo-aula
  • En que consiste?: A docente daralle a cada individuo dunha parella a metade da foto proposta. A persoa 'A' tenlle que describir o que ve na súa metade á persoa 'B', encargado de debuxar o que escoita nun papel, e viceversa. Na segunda parte da actividade e coa foto enteira amosada na pantalla dixital, todo o grupo-aula intentará adiviñar por que esta foto é especial para a profesora. Para iso empregarán preguntas de yes/no answer e tamén as Wh- Questions. 
  • Cal é o obxectivo?: Fomentar a produción oral en lingua estranxeira e poñer en práctica a súa imaxinación.
O feito de que a actividade estea relacionada coa docente e sexa real, espertará a curiosidade do estudantado. Desta maneira, todo o mundo participará en adiviñar a historia que se esconde tras esta imaxe. En definitiva, o que se pretende é que o alumnado sexa o protagonista da aula, é dicir, minimizar o input da profesora e aumentar o output do estudantado.

DIARIO 5

Sesión: 16, Febreiro

Na cuarta sesión co docente Carlos Valcárcel falamos sobre as distintas metodoloxías que se poden seguir para ensinar unha lingua estranxeira. Para comezar, vimos como a tradición pedagóxica (tanto do país como do centro) condiciona a miúdo o ensino, é dicir, existen países onde lle dan maior importancia á gramática (gramática explícita) e outros que son máis comunicatvos (conversa, práctica oral, gramática implícita).

Así mesmo, vimos dous tipos de relación que se poden dar entre docente e discente:
  • Aprendizaxe centrada no docente (posuidor do coñecemento)
  • Participación do alumnado na aprendizaxe (os discentes son activos e o docente acompaña, guía e xestiona)
E por último, antes de comezar coas diferentes metoloxías e exemplos de métodos, vimos como os obxectivos son fundamentais xa que permiten e facilitan a avaliación, serven para probar a eficacia da metodoloxía aplicada, permiten a reflexión sobre a aprendizaxe e facilitan unha aprendizaxe adaptada ás necesidades e intereses do alumnado. Velaquí un Padlet cos obxectivos xerais a ter en conta nunha clase de LE:


Para rematar, dado que xa expliquei nunha entrada anterior as principais características dos métodos, quería compartir a miña experiencia persoal en relación ao que falamos durante esta sesión.

Durante a miña etapa na secundaria, tiven tres profesores diferentes de inglés. Nos primeiros cursos, os docentes encargados da materia falaban, na meirande parte da clase, en galego, polo que o input que recibía en lingua estranxeira era escaso. Cando cheguei ao último curso, tiña unha profesora de desdobre (unha hora semanal) que falaba sempre en inglés. Sen dúbida algunha, son das que penso que as clases de LE hainas que impartir en LE. Sen embargo, creo que sempre ten que existir un termo medio, xa que moitos dos meus compañeiros desconectaban da clase ao non entender nada (sobre todo, aqueles que non tiñan clases extracurriculares de inglés polas tardes).

Outros elemento primordial da miña etapa secundaria foi o libro de texto. Todos e cada un dos docentes seguíano ao pé da letra, polo que nunca faciamos nada máis alá del. Durante as sesións, os profesores explicaban a gramática (aprendizaxe centrada no docente), logo facíanse os exercicios e de vez en cando, mandábanme escribir unha redacción en relación a un texto que viramos na clase, por exemplo. 

No tocante ao speaking, como era de esperar, a metodoloxía a seguir era penosa. As escasas veces que tiña a oportunidade de practicar a produción oral en LE facíao a través de diálogos. En parellas, debíamos crear un diálogo (sempre seguindo un modelo proposto no libro de texto) e logo, tras memorizalo, dicilo diante do profesor. Consecuentemente, de alí a uns días, todo o memorizado se borraba da miña mente, polo que soamente me servira para superar a proba.

Se vistes o padlet cos obxectivos, nun deles pon "desenvolver actitudes positivas sobre a lingua oral e escrita", pero como se pretende que o alumnado mostre unha actitude positiva respecto á lingua estranxeira se se seguen este tipo de métodos? Coa variedade de metodoloxías que existen, é unha mágoa que moitos docentes non lles saiban sacar partido suficiente como para motivar ao estudantado. Pero como xa vimos, supoño que nalgúns casos isto sexa debido a unha mala e escasa formación e noutros, por falta de vocación.

Como foron as vosas experiencias? Houbo algún docente que espertara en vós unha actitude positiva cara o inglés e por iso decidistes dedicarvos a isto?

venres, 19 de febreiro de 2016

DOSIER 5

Sesión: 16, Febreiro

Na cuarta sesión con Carlos Valcárcel, realizamos varias actividades colaborativas, polo que desta vez, vos deixo aquí unha presentación creada en Prezi. Nela poderedes ver cales foron, os seus resultados e unha pequena reflexión que aporto.


Non dubidedes en deixar os vosos comentarios!

luns, 15 de febreiro de 2016

DIARIO 4

Sesión: 3, Febreiro

A parte da actividade creada para o Dosier da primeira sesión con Mª Luz Valencia, gustaríame aportar unha pequena reflexión sobre a sesión. Por unha banda, o feito de que fose práctica, fixo que asimilase moito mellor os conceptos. Dende a miña opinión, creo que moitas veces é mellor deixar a teoría de lado e preparar clases amenas e motivadoras, nas que o alumnado se divirta e preste atención. Desta maneira, existirá unha mellor relación entre docente-alumnado e entre o grupo-aula, xa que se favorecerá a creación dun ambiente positivo e a participación do alumnado.

Por outra banda, estou de acordo coa importancia de traballar as competencias en todas as materias. Nós, como futuros docentes de linguas estranxeiras, temos que ter en conta que a comunicación non só se basea no dominio das destrezas (comprensión oral e escrita, expresión oral e escrita, vocabulario), senón que vai máis alá; traballar as CC permite favorecer o desenvolvemento persoal de cada individuo e unha aprendizaxe relacionada.

Por último, gustaríame dicir que non custa nada ser creativos e realizar actividades que divirtan ao alumnado. Dende a miña experiencia, nas clases da maioría dos docentes que tiven ao longo da secundaria, seguíase o libro e explicábase soamente gramática. Sen embargo, eu son das que penso que vale máis esforzarse un pouco e gastar tempo en preparar as clases, xa que o resultado a todo o esforzo valerá a pena.

DOSIER 4

Sesión: 3, febreiro

Na cuarta sesión desta materia, impartida pola docente Mª Luz Valencia, vimos como se poden integrar as Competencias Clave (CC) dentro da aula de inglés a través de actividades moi sinxelas e variadas. Antes de comezar, recordemos cales son as sete CC do currículo escolar que recollen non só os coñecementos senón que tamén as habilidades, aptitudes e actitudes dun individuo:

Tras mostrarnos varios exemplos de exercicios que se poden levar a cabo co grupo aula para contribuír na aprendizaxe baseada nas CC, a docente mandounos deseñar unha actividade na que o alumnado traballase ao menos dúas competencias clave a parte da lingüística. Velaquí a miña, que foi pensada para 3º ESO:

PRIMEIRA PARTE: WARM-UP ACTIVITY (15’)

Antes de comezar, realizarase unha actividade de quentamento (warm-up activity), xa que, como vimos, tense que evitar empezar coa teoría pura e dura (o alumnado debe espertar), apórtanos información relevante sobre os coñecementos de cada estudante (non teñen a sensación de que está sendo avaliado) e resulta máis motivador. 

Que empregaremos?: Os ordenadores da sala de informática, a pantalla dixital, a ferramenta virtual Kahoot e un TEST de dez preguntas que teñen relación co pasado da docente (isto espertará a súa curiosidade)

Como se realizará a actividade?: De maneira individual, cada estudante nun ordenador

En que consiste?
  • A docente mostrará un PIN na pantalla dixital
  • Cada estudante deberá introducir dito número na páxina para poder acceder ao xogo e un nome
  • A continuación, mostrarase a primeira pregunta na pantalla e, de seguido, catro posibles respostas (cada unha delas está representada cun símbolo e cunha cor) 
  • Cada vez que se mostre unha pregunta, o alumnado deberá elixir/marcar a resposta que crea correcta no seu dispositivo (disporán de 20 segundos por pregunta)
  • Ganará o que máis acertos obteña (esta ferramenta puntúa automaticamente)
Cal é o obxectivo?: Repasar os coñecementos da unidade 2 sobre o pasado simple e continuo en inglés dunha forma máis entretida e motivadora


SEGUNDA PARTE: A TRIP TO REMEMBER (40’+ traballo na casa)

Despois de revisar, sen que eles se desen conta, estruturas gramaticais do pasado en inglés, pasaremos á actividade principal. Desta vez, a docente empregará a ferramenta virtual WEBQUEST para presentarllas instrucións.

Que empregaremos?: Nesta segunda parte, empregaranse varias ferramentas virtuais tales como Webquest, Issuu, a que o alumnado elixa para crear o soporte virtual da súa presentación (Powerpoint, Picktochart...), páxinas web con resumos da parte teórica, o procesador de texto e o correo electrónico 

Como se realizará a actividade?: En grupos de 4 persoas (no caso de ser impares, un grupo estará formado por 3/5 persoas)

En que consiste?:
  • A docente introduciralle ao alumnado a historia de Nair, Nerea e Adriana, tres rapazas que tras rematar os seus estudos universitarios deciden facer unha viaxe a Francia e da cal (desafortunadamente) só conservan 8 fotos (ás cales poden acceder a través de ISSUU)
  • Cada grupo terá que imaxinar como foron os dous días de viaxe destas tres aventureiras e crear unha historia. Deberán empregar as horas que crean convenientes (i.e. At one o’clock, they had lunch in a French restaurant).
  • Unha vez rematada, terán que enviar un documento de texto coa historia redactada á profesora (a cal será devolta cos erros marcados para que cada grupo a volva corrixir).
  • Na seguinte sesión, cada grupo deberá presentar a súa historia diante do resto do alumnado. Deberán empregar un apoio visual (i.e. presentación, infografías)
Cal é o obxectivo?: Revisar o pasado simple e continuo en inglés, fomentar o traballo en equipo, practicar a expresión oral en lingua estranxeira e vencer o medo a falar en público


QUE COMPETENCIAS SE TRABALLAN APARTE DA CL?
  • Competencia matemática (CM): O alumnado deberá empregar as horas do día ao redactar a historia polo que estará desenvolvendo a súa capacidade e habilidade para expresar con claridade e precisión informacións e datos (traballo con números)
  • Competencia dixital (CD): O alumnado empregará as TIC para obter, analizar, producir e intercambiar información na totalidade da actividade
  • Competencia para aprender a aprender (CAA): O alumnado desenvolverá a súa capacidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nel (por exemplo, cando as redaccións lles sexan devoltas para reescribilas sen erros), organizar as súas tarefas e tempo, e traballar de maneira individual ou colaborativa para acadar un obxectivo
  • Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (SIEP): Por unha banda, o alumnado desenvolverá certos valores e actitudes persoais relacionados entre si, tales como a responsabilidade, a perseveranza, o coñecemento de si mesmo e a autoestima, a creatividade, a autocrítica, a capacidade de elixir e de aprender dos erros. Por outra banda, o alumnado será quen de elixir con total liberdade a historia e a súa representación (capacidade de elixir con criterio propio)
  • Competencia en conciencia e expresións culturais (CEC): Aínda que non é o principal obxectivo da actividade, o alumando estará en contacto coa cultura francesa a través das fotos, nas cales se mostran monumentos importantes da cidade de París (Museo do Louvre, Torre Eiffel...)

sábado, 6 de febreiro de 2016

DOSIER 3

Sesión: 2, Febreiro

Nesta terceira sesión, dedicada (como xa dixen na miña entrada de Diario) ás variables na situación de ensino, realizamos dúas actividades colaborativas. Sen embargo, a que máis me gustou foi a segunda, por iso quero compartila con vós e aportar a miña reflexión.

A actividade en cuestión consistía en resumir nunha táboa as diferenzas que atopabamos entre young learners e adult learners cando aprenden un idioma estranxeiro. Velaquí as conclusións ás que chegamos todo o grupo-aula:

YOUNG LEARNERS


ADULT LEARNERS


Como se pode observar, é moi importante ter en conta con que rango de idade estamos traballando, xa que variarán en relación a esta. Por exemplo, mentres que as actividades dun young learner deben ser curtas e repetitivas, as dun adult learner deben ser variadas e de gramática (xa que os adultos somos máis analíticos).

A pesar de que nestas infografías só se mostren as diferenzas, existe un factor esencial que, dende a miña opinión, debe aplicarse con ambos grupos: un ambiente socio-afectivo. A creación dunha atmosfera positiva no grupo-aula é vital para que os alumnos se sentan cómodos e, consecuentemente, estean receptivos á aprendizaxe.

E vós, opinades o mesmo? Credes que un ambiente positivo dentro do grupo-aula (relación entre docentes-alumnos e compañeiros) é esencial? Podedes escribir sobre as vosas experiencias!

venres, 5 de febreiro de 2016

DIARIO 3

Sesión : 2, Febreiro

Despois de revisar as diferentes situacións de ensino que nos podemos atopar (educación infantil, secundaria, formación profesional, Escolas Oficiais de Idiomas, ensinanza a persoas maiores ou de castelán como lingua estranxeira), vimos que tamén existen diferentes variables que determinan a metodoloxía que debemos escoller no proceso de ensinanza: as características do alumnado (idade, lingua inicial), do centro (tipo do centro de ensino) e as necesidades e obxectivos que se pretenden acadar. 

CARACTERÍSTICAS DO ALUMNADO

Temos que ter en conta dous factores:
  • IDADE. Aprendemos de forma diferente segundo a idade, xa que existen diversos graos de maturidade, desenvolvemento cognitivo, capacidades de análise, reflexión e formalización. Aquí vos deixo un pequeno resumo sobre as diferentes etapas que existen dende os 0 anos ata que acabamos a primaria:
  • LINGUA INICIAL. Cando ensinamos, cómpre ter en conta certos factores da lingua inicial do alumnado, tales como o tipo de lingua (aglutinante ou analítica), a familia lingüística á que pertence, o conxunto de variedades polas que transita a persoa que aprende (interlingua) e o concepto de erro. Desta maneira, e dende a miña opinión, creo que sabendo esta información in advance, podemos motivar ao alumnado (por exemplo, no caso de que dúas linguas compartan certo vocabulario), coñecer o por que de certos erros que fan ou, simplemente, profundar no que máis lles custa ofrecendolles unhas mellores estratexias de aprendizaxe.
E vós, pensades o mesmo que min?

luns, 1 de febreiro de 2016

DOSIER 2

Sesión: 27, Xaneiro

Debido ao escaso tempo que tivemos nesta segunda sesión, só fixemos unha actividade colaborativa sobre as diferenzas e similitudes entre a lingua materna e a lingua estranxeira. Aquí vos deixo un resumo:



Así mesmo, falamos doutro concepto que descoñecía: o momento crítico. Se buscamos no CVC (Centro Virtual Cervantes), atopamos a seguinte definición para o termo hipótesis del período crítico:

“Según la hipótesis del período crítico, postulada por E. Lenneberg (1967), la capacidad para adquirir el lenguaje merma al alcanzar la pubertad, dado que el cerebro pierde plasticidad, circunstancia que implica una disminución sensible de la capacidad para aprender una lengua”

Como estudantes de linguas que fomos e somos, gustaríame saber a vosa opinión: credes que é máis difícil aprender un idioma a medida que nos facemos vellos?

Persoalmente, estou totalmente de acordo con moitos estudos realizados hoxe en día que afirman que aprender unha lingua estranxeira non se volve difícil coa idade, senón que é unha aprendizaxe diferente. Basicamente, estas investigacións demostraron que mentres os estudantes más xoves posen certas vantaxes tales como a memoria, a motivación e o tempo libre, os adultos contan cun sistema cognitivo máis desenvolvido e unha maior experiencia para integrar os novos coñecementos lingüísticos.

Que opinades?

DIARIO 2

Sesión: 27, Xaneiro

Na segunda sesión desta materia, o docente explicounos 3 termos relacionados con aquelas linguas que se adquiren (lingua inicial, segunda e estranxeira) e 3 conceptos relacionados co uso destas (lingua habitual, de traballo e vehicular). Aquí vos deixo un resumo:


Así mesmo, tamén falamos dos seguintes conceptos:
  • Repertorio lingüístico: conxunto de elementos lingüísticos coñecidos por un falante ou unha comunidade de falantes
  • Comunidade lingüística: comunidade de falantes que partillan un mesmo repertorio lingüístico de base
  • Comunidade de lingua: comunidade de falantes que partillan o coñecemento e o uso dunha mesma lingua ou variedade lingüística
Despois deste pequeno resumo dos contidos da sesión, e xa que moitas das miñas compañeiras comentaron sobre o termo ‘lingua materna’, gustaríame compartir con vós un vídeo moi interesante que nos amosou unha vez unha profesora do grao e que fala sobre o Síndrome do Acento Estranxeiro (FAS, do inglés Foreign Accent Syndrome).

Para os que non saibades, o FAS é unha alteración adquirida na fala a consecuencia dunha lesión no sistema nervioso central, o cal provoca a aparición dun acento estranxeiro na lingua materna. Vexamos o vídeo:


Como puidestes observar, Key Russell é unha muller inglesa que, tras sufrir un serio ataque de xaquecas, espertou cun acento francés. Este cambio de acento da propia lingua materna fixo que Key perdese non só o seu traballo, senón que tamén a súa personalidade, confianza e identidade.

Eu son das que penso que a lingua materna é un símbolo de identidade. Credes o mesmo? Coñecedes casos de xente que, ao contrario que Key (voluntariamente) rexeitasen a súa lingua materna por considerala inferior? Que opinades sobre o vídeo?