luns, 15 de febreiro de 2016

DOSIER 4

Sesión: 3, febreiro

Na cuarta sesión desta materia, impartida pola docente Mª Luz Valencia, vimos como se poden integrar as Competencias Clave (CC) dentro da aula de inglés a través de actividades moi sinxelas e variadas. Antes de comezar, recordemos cales son as sete CC do currículo escolar que recollen non só os coñecementos senón que tamén as habilidades, aptitudes e actitudes dun individuo:

Tras mostrarnos varios exemplos de exercicios que se poden levar a cabo co grupo aula para contribuír na aprendizaxe baseada nas CC, a docente mandounos deseñar unha actividade na que o alumnado traballase ao menos dúas competencias clave a parte da lingüística. Velaquí a miña, que foi pensada para 3º ESO:

PRIMEIRA PARTE: WARM-UP ACTIVITY (15’)

Antes de comezar, realizarase unha actividade de quentamento (warm-up activity), xa que, como vimos, tense que evitar empezar coa teoría pura e dura (o alumnado debe espertar), apórtanos información relevante sobre os coñecementos de cada estudante (non teñen a sensación de que está sendo avaliado) e resulta máis motivador. 

Que empregaremos?: Os ordenadores da sala de informática, a pantalla dixital, a ferramenta virtual Kahoot e un TEST de dez preguntas que teñen relación co pasado da docente (isto espertará a súa curiosidade)

Como se realizará a actividade?: De maneira individual, cada estudante nun ordenador

En que consiste?
  • A docente mostrará un PIN na pantalla dixital
  • Cada estudante deberá introducir dito número na páxina para poder acceder ao xogo e un nome
  • A continuación, mostrarase a primeira pregunta na pantalla e, de seguido, catro posibles respostas (cada unha delas está representada cun símbolo e cunha cor) 
  • Cada vez que se mostre unha pregunta, o alumnado deberá elixir/marcar a resposta que crea correcta no seu dispositivo (disporán de 20 segundos por pregunta)
  • Ganará o que máis acertos obteña (esta ferramenta puntúa automaticamente)
Cal é o obxectivo?: Repasar os coñecementos da unidade 2 sobre o pasado simple e continuo en inglés dunha forma máis entretida e motivadora


SEGUNDA PARTE: A TRIP TO REMEMBER (40’+ traballo na casa)

Despois de revisar, sen que eles se desen conta, estruturas gramaticais do pasado en inglés, pasaremos á actividade principal. Desta vez, a docente empregará a ferramenta virtual WEBQUEST para presentarllas instrucións.

Que empregaremos?: Nesta segunda parte, empregaranse varias ferramentas virtuais tales como Webquest, Issuu, a que o alumnado elixa para crear o soporte virtual da súa presentación (Powerpoint, Picktochart...), páxinas web con resumos da parte teórica, o procesador de texto e o correo electrónico 

Como se realizará a actividade?: En grupos de 4 persoas (no caso de ser impares, un grupo estará formado por 3/5 persoas)

En que consiste?:
  • A docente introduciralle ao alumnado a historia de Nair, Nerea e Adriana, tres rapazas que tras rematar os seus estudos universitarios deciden facer unha viaxe a Francia e da cal (desafortunadamente) só conservan 8 fotos (ás cales poden acceder a través de ISSUU)
  • Cada grupo terá que imaxinar como foron os dous días de viaxe destas tres aventureiras e crear unha historia. Deberán empregar as horas que crean convenientes (i.e. At one o’clock, they had lunch in a French restaurant).
  • Unha vez rematada, terán que enviar un documento de texto coa historia redactada á profesora (a cal será devolta cos erros marcados para que cada grupo a volva corrixir).
  • Na seguinte sesión, cada grupo deberá presentar a súa historia diante do resto do alumnado. Deberán empregar un apoio visual (i.e. presentación, infografías)
Cal é o obxectivo?: Revisar o pasado simple e continuo en inglés, fomentar o traballo en equipo, practicar a expresión oral en lingua estranxeira e vencer o medo a falar en público


QUE COMPETENCIAS SE TRABALLAN APARTE DA CL?
  • Competencia matemática (CM): O alumnado deberá empregar as horas do día ao redactar a historia polo que estará desenvolvendo a súa capacidade e habilidade para expresar con claridade e precisión informacións e datos (traballo con números)
  • Competencia dixital (CD): O alumnado empregará as TIC para obter, analizar, producir e intercambiar información na totalidade da actividade
  • Competencia para aprender a aprender (CAA): O alumnado desenvolverá a súa capacidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nel (por exemplo, cando as redaccións lles sexan devoltas para reescribilas sen erros), organizar as súas tarefas e tempo, e traballar de maneira individual ou colaborativa para acadar un obxectivo
  • Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (SIEP): Por unha banda, o alumnado desenvolverá certos valores e actitudes persoais relacionados entre si, tales como a responsabilidade, a perseveranza, o coñecemento de si mesmo e a autoestima, a creatividade, a autocrítica, a capacidade de elixir e de aprender dos erros. Por outra banda, o alumnado será quen de elixir con total liberdade a historia e a súa representación (capacidade de elixir con criterio propio)
  • Competencia en conciencia e expresións culturais (CEC): Aínda que non é o principal obxectivo da actividade, o alumando estará en contacto coa cultura francesa a través das fotos, nas cales se mostran monumentos importantes da cidade de París (Museo do Louvre, Torre Eiffel...)

1 comentario:

  1. A actividade (recorda que non é un exercccio!) é moi completa. Pr suposto, que tes que contar cun despliegue de medios TIC que non sempre está á disposición, e tamén das por suposto que os alumnos coñecen toda unha batería de apps, etc. Vale. Sempre se pode facer unha adaptación menos tecnolóxica si é preciso.
    Non é necesario que os alumnos "non se dean conta" de que están facendo práctica de estructuras gramaticais, máis ben ao contrario, están facendoa, pero contextualizada: a gramática sirve para facer outras cousas, non como un obxectivo per se.

    ResponderEliminar