domingo, 28 de febreiro de 2016

DOSIER 9

Sesións: 24-25, Febreiro

Esta semana, a docente Mª Luz Valencia amosounos unha páxina web moi interesante sobre recursos para as nosas clases de inglés: Lessonstream. Dela, tivemos que seleccionar unha actividade coa que se traballase a expresión escrita, reflexionar por que a escollemos, para que curso a empregaríamos e se lle faríamos algunha modificación. Fai clic na seguinte imaxe para ver o lesson plan da miña proposta:


Que se traballa con esta actividade? A principal finalidade desta actividade é aprender diferentes adxectivos (para iso preséntanse os debuxos de Mr. Men creados por Roger Hargreaves). Así mesmo, o alumnado revisa o presente simple.

Por que elixín esta actividade? Velaquí algunhas das razóns polas que esta actividade me convenceu:

  1. "Unha boa redacción en inglés é aquela que contén moitos e diferentes adxectivos" - recórdoo perfectamente. Estas foron as palabras dun dos docentes de inglés que tiven ao longo da miña andadura académica. E ben certo que é. Sen embargo, un dos problemas principais que xorde cando temos que escribir un writing é a falta de vocabulario que nos enriqueza o noso texto. Por iso, creo que esta actividade, que está presentada dunha forma lúdica, é unha boa práctica para ensinarlle ao alumnado unha lista de adxectivos de forma que a poidan recordar (máis motivador que proporcionarlle unha lista para memorizar). Desta maneira, cada estudante será quen de empezar a usar unha serie de adxectivos que van máis alá do que empregamos sempre, é dicir, nice
  2. Esta actividade é unha boa práctica para que o alumnado revise un dos tempos verbais que lles soe costar moito: o presente simple. A pesar de que no inglés só existen dúas formas verbais do presente, a maioría dos estudantes sempre se esquecen da -s da terceira persoa.
  3. A actividade fomenta tanto o traballo individual como en equipo, feito que me parece unha boa idea para que se cree unha atmosfera positiva dentro do grupo-aula.
  4. A través da actividade teremos en conta a atención á diversidade. Aqueles alumnos que sexan máis creativos ou que teñen maior coñecemento da lingua poderán escribir unha redacción máis complexa; por outra banda, aqueles que teñan maiores dificultades, poderán limitarse soamente as instrucións que se lles manda (variedade no grao de complexidade).
  5. A actividade permite poñer en práctica todos e cada unha das destrezas, non só se centra na expresión escrita.
  6. O feito de presentar debuxos así como diversos xogos para aprender os adxectivos pode resultar motivador para o alumnado.
En que curso se podería empregar? A actividade sería levada a cabo en 1º ou 2º ESO, xa que é cando se pon máis énfase no presente simple (unha das primeiras unidades dos libros de texto). Aínda que se podería adaptar para cursos cun nivel superior: as imaxes poderíannos servir para traballar outro tempo verbal e inventar outra historia.

Que variacións se poderían facer? A pesar de que a actividade está moi ben, velaquí algunhas variacións coas que aplicamos certas actividades que vimos nas sesións desta materia:
  1. No apartado 1, en vez de facer un brainstorming de adxectivos aleatorios, poderíase facer un brainstorming seguindo a orde do abecedario. Logo poderíanse engadir máis adxectivos (posible problema: nivel do alumnado). Outra posibilidade sería amosar un dos Mr. Men e facer un brainstorming coas ideas que se lle veña ao alumnado á cabeza nese momento (desta forma poderiamos ver canta variedade de adxectivos empregarían).
  2. Outra dos opcións para o apartado 1 sería xogar ao xogo do Taboo. O docente podería empregar este xogo para practicar a expresión oral. Outra posibilidade sería facer unha pequena representación a través de mímica.
  3. Para repasar todos aqueles adxectivos que son importantes para os seguintes pasos da actividade (apartado 2), poderíase facer un crossword coa aplicación Puzzlemaker. Desta forma, o alumnado practicaría a comprensión escrita.
  4. Para o apartado 3, cando se lle pregunta se coñecen ao autor, poderíase entregar algunha biografía na que non se mencionase o seu nome; eles tivesen que adiviñalo.
  5. No apartado 6, poderíase dar outra título para ter dúas opcións para o writing: Day in the life ou What is he like?
  6. O docente podería pegar as redaccións pola clase e o alumnado tería que adiviñar a que Mr. Men fai referencia cada unha delas.
  7. Outro xogo que se podería levar a cabo sería o seguinte: en grupos de 3-4 persoas, cada estudante escribe un dos adxectivos nun post-it (i.e. Mr. Busy). Cada estudante pegaríalle o post-it na fronte do compañeiro da dereita. A través de preguntas de yes-no answers, terían que adiviñar que Mr. Men lles pegaron (esta variación levaríase a cabo en cursos cun maior nivel de inglés)
En conclusión, creo que esta actividade podería axudar moito a mellorar a calidade das redaccións dos nosos alumnos. Así mesmo, é unha maneira de aprender divertíndose, polo que a motivación sería maior (maior grao de participación). Finalmente, con esta actividade non nos centraremos soamente nunha destreza, senón que poderemos prácticar todas e cada unha delas.

1 comentario:

  1. Fas unha análise exhaustiva da actividade, tes moi claro que vas facer con ela e conmo podes presentala e modificala. Estupendo.

    ResponderEliminar