sábado, 20 de febreiro de 2016

DIARIO 5

Sesión: 16, Febreiro

Na cuarta sesión co docente Carlos Valcárcel falamos sobre as distintas metodoloxías que se poden seguir para ensinar unha lingua estranxeira. Para comezar, vimos como a tradición pedagóxica (tanto do país como do centro) condiciona a miúdo o ensino, é dicir, existen países onde lle dan maior importancia á gramática (gramática explícita) e outros que son máis comunicatvos (conversa, práctica oral, gramática implícita).

Así mesmo, vimos dous tipos de relación que se poden dar entre docente e discente:
  • Aprendizaxe centrada no docente (posuidor do coñecemento)
  • Participación do alumnado na aprendizaxe (os discentes son activos e o docente acompaña, guía e xestiona)
E por último, antes de comezar coas diferentes metoloxías e exemplos de métodos, vimos como os obxectivos son fundamentais xa que permiten e facilitan a avaliación, serven para probar a eficacia da metodoloxía aplicada, permiten a reflexión sobre a aprendizaxe e facilitan unha aprendizaxe adaptada ás necesidades e intereses do alumnado. Velaquí un Padlet cos obxectivos xerais a ter en conta nunha clase de LE:


Para rematar, dado que xa expliquei nunha entrada anterior as principais características dos métodos, quería compartir a miña experiencia persoal en relación ao que falamos durante esta sesión.

Durante a miña etapa na secundaria, tiven tres profesores diferentes de inglés. Nos primeiros cursos, os docentes encargados da materia falaban, na meirande parte da clase, en galego, polo que o input que recibía en lingua estranxeira era escaso. Cando cheguei ao último curso, tiña unha profesora de desdobre (unha hora semanal) que falaba sempre en inglés. Sen dúbida algunha, son das que penso que as clases de LE hainas que impartir en LE. Sen embargo, creo que sempre ten que existir un termo medio, xa que moitos dos meus compañeiros desconectaban da clase ao non entender nada (sobre todo, aqueles que non tiñan clases extracurriculares de inglés polas tardes).

Outros elemento primordial da miña etapa secundaria foi o libro de texto. Todos e cada un dos docentes seguíano ao pé da letra, polo que nunca faciamos nada máis alá del. Durante as sesións, os profesores explicaban a gramática (aprendizaxe centrada no docente), logo facíanse os exercicios e de vez en cando, mandábanme escribir unha redacción en relación a un texto que viramos na clase, por exemplo. 

No tocante ao speaking, como era de esperar, a metodoloxía a seguir era penosa. As escasas veces que tiña a oportunidade de practicar a produción oral en LE facíao a través de diálogos. En parellas, debíamos crear un diálogo (sempre seguindo un modelo proposto no libro de texto) e logo, tras memorizalo, dicilo diante do profesor. Consecuentemente, de alí a uns días, todo o memorizado se borraba da miña mente, polo que soamente me servira para superar a proba.

Se vistes o padlet cos obxectivos, nun deles pon "desenvolver actitudes positivas sobre a lingua oral e escrita", pero como se pretende que o alumnado mostre unha actitude positiva respecto á lingua estranxeira se se seguen este tipo de métodos? Coa variedade de metodoloxías que existen, é unha mágoa que moitos docentes non lles saiban sacar partido suficiente como para motivar ao estudantado. Pero como xa vimos, supoño que nalgúns casos isto sexa debido a unha mala e escasa formación e noutros, por falta de vocación.

Como foron as vosas experiencias? Houbo algún docente que espertara en vós unha actitude positiva cara o inglés e por iso decidistes dedicarvos a isto?

Ningún comentario:

Publicar un comentario