domingo, 28 de febreiro de 2016

DIARIO 9

Sesións: 24-25, Febreiro

Como complemento da entrada de Dosier das sesións do 24-25 de Febreiro, aquí vos deixo unha pequena reflexión.

Por unha banda, na sesión do día 24, a docente Mª Luz Valencia amosounos diferentes actividades que se podían empregar dentro da aula e que se centraban na produción escrita. Como ben xa comentamos hai que aproveitar o tempo das sesións para realizar actividades de expresión oral (que é o que en certa medida o alumnado non pode practicar só na casa) e mandar as redaccións de deberes (leva moito máis tempo e así tamén se pode facer consultar nos dicionarios). Así mesmo, tamén mencionamos que cada vez que mandamos un writing, o ideal sería realizar traballo previo dentro da aula que tivese relación co que lles propomos aos estudantes. 

Sen dúbida algunha, son das que comparto ambas ideas. Sen embargo, tamén penso que de vez en cando hai que realizar algunha práctica de produción escrita no tempo da sesión (dentro da aula) para que o alumnado se acostume a non ter ningunha fonte de información onde buscar como se escribe ou se di un termo. Desta maneira, tanto o estudante como o propio docente daranse conta dos erros reais do alumnado.

Por outra banda, na sesión do día 25, a docente Ana Fontenla ensinounos diferentes actividades para practicar a comprensión escrita. Ao principio da sesión, fixo fincapé en que o alumnado estaba tan obsesionado por entender todo o texto que moitas veces non entendía nada. Por iso, ensinounos certas actividades para amosarlles aos nosos futuros alumnos que sí se pode captar perfectamente o sentido dun texto aínda que non se entendan certas palabras. Sen embargo, e baseándome na miña experiencia persoal, creo que na realidade a situación muda. Por exemplo, cando estou nalgún exame de inglés e hai algún exercicio de True ou False, creo que é imprescindible coñecer todas as palabras, xa que se un deses termos que non entendes é a palabra clave para saber se o enunciado proposto é verdadeiro ou falso, como fas? Posiblemente a vosa resposta sexa "sábese polo contexto da frase", pero non sempre é tan fácil...

Aprender un idioma require un traballo constante. Por iso, nós, como futuros docentes, temos que motivar ao noso alumnado para que non se desanime (por exemplo, realizando actividades divertidas) e, sobre todo, facerlles saber que se queren, poden.

Ningún comentario:

Publicar un comentario