domingo, 21 de febreiro de 2016

DIARIO 7

Sesión: 18, Febreiro

Como complemento á entrada de Dosier da primeira sesión con Ana Fontenla, aquí vos deixo unha pequena reflexión.

Como xa mencionei en entradas anteriores, a maioría dos docentes que tiven ao longo da miña andadura académica seguían unha metodoloxía moi tradicional centrada na gramática e na realización de exercicios estruturais. Desafortunadamente, poucas eran as veces que practicabamos actividades de comprensión e produción oral.

Despois de ver os exemplos de listenings que se poden levar a cabo dentro da aula, quédame moi claro que programar sesións dedicadas á comprensión oral pode resultar moi motivador para o alumnado. Ademais, se se fan cun obxectivo claro, todos as ideas que vimos poden servir como complemento ao que se está dando nunha unidade do libro de texto (a través de cancións, por exemplo, pódese adquirir moito léxico), por iso non vexo impedimento algún para empregalos dentro da aula.

Así mesmo, todo docente debe ter en conta os pasos a realizar cando propón un listening. É imprecindible contar cun pre-listening que axude ao alumnado a estar preparado para afrontarse a conceptos novos. Da mesma maneira, é esencial repetir o listening ao menos dúas veces. E por último, é convinte facer unha actividade de post-listening para recapacitar sobre o aprendido ou aumentar a información que acabamos de proporcionar.

Por último, gustaríame mencionar outro dos elementos que, dende o meu punto de vista é fundamental cando realizamos actividades deste tipo e do que non se falou na clase: a duración do audio. Creo que de nada serve seguir a estrutura que acabo de mencionar, se logo se planifican actividades moi longas que poden chegar a desmotivar en vez de favorecer unha actitude positiva cara a lingua estranxeira. Este caso vívoo a maioría das veces que na Escola Oficial de Idiomas teño que facer unha práctica de listening. A docente sempre escolle vídeos moi longos (sen esaxerar nada, 20 minutos) e con temas moi complicados, polo que, a pesar de facer un pre-listening, moitas veces non entendo unha parte, polo que me perdo na audición. Ademais, como son tan longos, moitas veces só os reproduce unha vez, polo que a parte de non comprender, xa non podo participar nas preguntas ou no debate que facemos a posteriori.

Dende sempre, a destreza que peor se me deu foi a comprensión auditiva (proba disto son as notas dos exames en comparación con outras destrezas). Moitas veces saio da clase pensando que nunca mellorarei o listening, polo que me desmotivo. Por iso, e sabendo o mal que se pasa nestes casos, creo que nós, como futuros docentes debemos saber escoller ben, proporcionar material diverso para atender os distintos niveis de aprendizaxe dentro da aula e saber motivar ao alumnado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario