martes, 22 de decembro de 2015

ENTRADA 2

  • Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
  • Docente: Eduardo Varela
  • Unidade: 2
Avaliación no ensino de LE

Para a introdución da segunda unidade, o docente explicounos a diferenza de dous tipos de avaliación: a interna e a externa. Por unha banda, a primeira fai referencia á avaliación de certos aspectos levados a cabo dentro dos centros educativos, como por exemplo, o propio funcionamento, os programas, as actividades e os resultados alcanzados ao final do curso escolar. Por outra banda, a segunda é aquela avaliación que serve de base para a toma de decisións no tocante ós logros, non só a final de cada etapa, senón que tamén no proxecto global (por exemplo: as avaliacións de diagnóstico).

Os termos ‘avaliación’ e ‘calidade’ están moi vinculados cada vez que nos referimos a un contexto de aula, xa que a análise dos procesos do centro educativo é necesaria para perfeccionar a metodoloxía de aprendizaxe. É dicir, a avaliación no ámbito educativo permítenos mellorar e innovar. Sen embargo, parece ser que este feito se aplica só na teoría e non na práctica, e máis cando falamos do ensino das linguas estranxeiras.

De acordo co marco estratéxico ‘Educación e Formación 2020’, o coñecemento e aprendizaxe de idiomas é un aspecto primordial nos individuos. A comunicación en linguas estranxeiras é unha das oito competencias clave para mellorar a calidade e eficacia da educación e a formación, xa que esta inclúe certas vantaxes como:

1. Mellora das habilidades lingüísticas cando nos comunicamos
2. Mediación e entendemento intercultural
3. Mellora da capacidade de inserción laboral
4. Axuda na mobilidade


A pesar desta importancia, España ocupa un posto por debaixo da media cando falamos da competencia (tanto lingüística como comunicativa) do estudando español en linguas estranxeirasQue é o que ocorre entón? Dende a miña experiencia persoal, creo que o alumnado é preparado para aprobar e superar os exames que se van impondo ao longo do curso (competencia lingüística: coñecemento de determinadas regras gramaticais). É dicir, o importante non parece que é aprender a lingua, senón que acadar certos obxectivos establecidos  no currículo escolar e na programación. Deste xeito, a lingua estranxeira é aprendida por 'obriga', feito que fai desaparecer o interese e a motivación polas materias en cuestión.


Os/as docentes, o alumnado e as familias deberían ser conscientes de que o coñecemento e fluidez nunha lingua estranxeira (competencia comunicativa: habilidade ou destreza para empregala lingua) non se adquire estudando as materias curriculares nesa lingua. Existen outro tipo de actividades, como as complementarias e extraescolares (tándems, estadías no estranxeiro, intercambios xuvenís, escolas de idiomas...), que axudan ao alumnado non só a mellorar e obter bos resultados, senón que tamén a aprender dunha maneira diferente e motivadora. Sen embargo, este tipo de actividades confrontan o que se espera de nós coma docentes (facer probas e exames para avaliar ao alumnado) contra o que deberiamos facer (ensinar a lingua estranxeira dunha maneira diferente que faga espertar a curiosidade no alumnado). 



Ningún comentario:

Publicar un comentario