sábado, 2 de xaneiro de 2016

ENTRADA 3

  • Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
  • Docente: Gonzalo Constenla
  • Unidade: 4
A necesidade dunha boa metodoloxía

Para a unidade catro, o docente explicou o deseño curricular das linguas estranxeiras nos distintos niveis de ensinanza: ESO, Bacharelato, FP e EOI. Pero, que se entende por ‘currículo’? A Real Academia Española (RAE) define este concepto como ‘plan de estudos’ ou ‘conxunto de estudos e prácticas destinadas a que o alumno desenvolva plenamente as súas posibilidades’. É posible este desenvolvemento por parte do aprendiz coa nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)?

Como o seu propio nome o indica, a LOMCE xorde da necesidade de mellorar a calidade do sistema educativo español. Deste xeito, a reforma é vista como a principal ferramenta para loitar contra os pésimos resultados académicos (que sitúan a España por debaixo da media europea). Para iso, esta lei aposta por unha ensinanza baseada na superación de probas ao final de cada etapa.

Ademais, co fin de mudar os deplorables resultados, a LOMCE potencia especialmente as dúas competencias clave nas que se observan maior número de dificultades por parte do alumnado, é dicir, a matemática e a lingüística. Deste xeito, un dos obxectivos principais da lei baséase no fomento do plurilingüismo (presenza simultánea de dúas ou varias linguas na competencia comunicativa dun individuo). Sen embargo, dende a miña experiencia persoal, creo que este obxectivo xamais se logrará debido á metodoloxía que seguen a maioría dos docentes de linguas estranxeiras (ensinanza baseada na gramática deixando de lado á práctica na produción oral).


Hai uns anos, a educación baseábase nunha aprendizaxe unidireccional na que imperaban as relacións xerárquicas, é dicir, o coñecemento era posuído soamente polo docente (unha persoa comunicaba e educaba, o resto escoitaba e aprendía). Sen embargo, hoxe en día, vivimos nunha sociedade moi distinta. A interpretación da información e a xestión do coñecemento recae no propio individuo. Noutras palabras, os expertos xa non son considerados como os únicos xeradores de coñecemento, senón que a sociedade no seu conxunto convértese en traballadora do coñecemento; un coñecemento que é construído socialmente e compartido na rede.

Con este cambio, a aprendizaxe prodúcese de xeito bidireccional, é dicir, o docente deixa de ser un mero transmisor (prototipo da ensinanza maxistral) e pasa a desenvolver un papel de facilitador e guía. Por iso, todos os docentes deberían ter en conta que o fundamental é proporcionar e organizar contidos e que o tipo de metodoloxía que mellor se adapta a esta nova forma de aprender é aquela que traballa por proxectos. Na miña opinión, esta maneira de descubrir posúe certas vantaxes tales como:
  • Mellora na consolidación do coñecemento ao tratarse dunha aprendizaxe descuberta polo propio alumno
  • Permite exercitar varias competencias e traballar diversas materias ao mesmo tempo (traballo multidisciplinar)
  • Fomenta destrezas sociais: a participación, o traballo en equipos e distribución dos roles, o debate...
  • Práctica da destreza comunicativa en lingua estranxeira (comprender e expresarse)
  • Serve de preparación para a vida real, polo que existe motivación
Creo que tanto a ensinanza que segue o libro de texto dándolle importancia soamente á gramática como aquela que se basea na presión do exame, opóñense totalmente a un modelo educativo centrado nas necesidades de cada estudante, así como nas motivacións do alumnado para contribuír ao éxito escolar. Como se pretende que o estudantado se motive se se converte a educación nunha constante superación de probas? Falamos dunha utopía ao dicir que o currículo desenvolve plenamente as posibilidades do alumnado, se se concibe a educación como un camiño cheo de obstáculos? Claramente si, por iso é fundamental que todos os docentes pensen se a metodoloxía que seguen é a correcta e que a práctica en lingua estranxeira dentro da aula é un pequeno gran paso para acadar o plurilingüismo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario