- Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
- Docente: Rosa Alonso
- Unidade: 7
Aprendizaxe das LE en España e comparativa co caso finlandés
Unha das principais debilidades do sistema educativo español inclúe a pésima capacidade na aprendizaxe de linguas estranxeiras. A pesar de ser un dos países nos que unha segunda lingua (inglés) é obrigatoria dende a etapa de Educación Infantil e onde só é obrigatorio estudar unha lingua estranxeira (a diferenza de outros países como Estonia, Francia, Malta ou Polonia onde se estudan dúas linguas estranxeiras), a sociedade española non destaca polos seus óptimos resultados neste ámbito da educación. Proba disto é a posición que ocupa España na maioría dos informes elaborados a nivel europeo, como é o caso do EECL (Estudo Europeo de Competencia Lingüística), Eurydice ou Eurostat.
No EECL indícase o número de horas mínimas recomendables para a ensinanza dun idioma estranxeiro. Pero como é de esperar, España sitúase por debaixo da media nas horas dedicadas na etapa secundaria (105 horas). Ademais, o EECL amosa tamén a distribución por niveis do Marco Común Europeo de Referencia de Linguas (MCERL) en relación a comprensión oral, lectora e expresión escrita.
A pesar de obter mellores resultados na comprensión lectora, debido á metodoloxía do sistema educativo español que se basea na gramática, a posición de España localízase por debaixo da media. Sen embargo, Malta, Suecia, Holanda e Estonia (países pequenos onde é imprescindible comunicarse noutra lingua que non sexa a materna nas relacións exteriores) destacan polo bo dominio en L2 dos seus estudantes.
Ademais, outro dos factores que perxudican a España na aprendizaxe de linguas é a súa situación xeográfica e a distancia lingüística que existe entre a lingua anglófona e a propia do país. Desta maneira, é lóxico que ocupemos o posto 24/44 ao falar da porcentaxe de persoas que teñen coñecemento sobre a lingua inglesa.
Un exemplo totalmente oposto á situación española é o caso de Finlandia (vídeo). A diferenza do sistema educativo español, o finlandés conta con certas medidas educativas, sociais e estruturais entre as que destacan:
- O número de alumnado máximo por aula (18-20) e os docentes de reforzo
- A duración das clases (45’) e o maior número de descansos (5-6)
- A existencia de equipos docentes consolidados e máis próximos ás familias
- A vocación do profesorado (só un 15% dos interesados en maxisterio consegue entrar na carreira)
- A gratuidade dos recursos materiais didácticos e de certos servizos (comedor escolar)
- A igualdade entre o alumnado e todas as escolas (o 98% das escolas son públicas)
Estas medidas, que (foron) son clave para acadar o éxito do sistema educativo finlandés, deberían adaptarse no ámbito educativo español. Nos colexios, as clases, en especial as de lingua, deberían reducir o número máximo de alumnado para que todos tiveran a oportunidade de pór en práctica o seu coñecemento en L2. Ademais, os docentes deberían contar cunha praza fixa en vez de ter que moverse dun sitio a outro pola xeografía española para que existisen equipos máis consolidades. Así mesmo, as familias deberían preocuparse máis pola educación dos seus fillos e acudir ás titorías (pero para iso tamén o sistema educativo tería que proporcionar outros horarios ou solucións para os pais que traballan e non poidan asistir). Pola súa parte, os gobernos deberían deixar de lado tanta reforma que trae a todo o mundo fóra de si, e inverter máis diñeiro no ámbito educativo.
Como se pode observar, alcanzar o éxito non é tarefa doada. O que si está claro é que todas as partes implicadas teñen que poñer o seu gran de area. Do contrario, nunca sairemos da situación de fracaso que nos caracteriza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario