- Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
- Docente: Rosa Alonso
- Unidade: 8
O legado de Europa e o mundo anglosaxón na ensinanza das LE
No tema oito, a docente presentounos as diferentes contribucións de métodos de ensinanza de linguas estranxeiras que foron evolucionando ao longo da historia. Desta maneira, vimos como as metodoloxías con máis repercusión (moitos deles empregados na actualidade) proceden de Europa e do mundo anglosaxón.
EUROPA
Por unha banda, Europa foi un dos continentes que máis destacou pola súa gran aportación. Alemaña foi o portador do método máis antigo de todos, gramática-tradución (G-T). Aínda que actualmente é empregado para ensinar linguas como Francés, Alemán ou Inglés, este debe a súa orixe ás ensinanzas de linguas clásicas (latín e grego). Ademais, céntrase na memorización de regras gramaticais e vocabulario e na tradución de textos, xa que defendía que a lingua escrita era máis pura que a falada.
Como reacción ao G-T, xorde en Francia e Alemaña o método directo (“método Berlitz”), co cal se ensina de maneira regulamentaria a destreza de escoitar. Para iso, a súa metodoloxía baséase nunha interacción de preguntas e respostas onde xamais se explica, senón que se actúa.
Como continuación do método directo, nace en Reino Unido o método oral e ensinanza situacional de linguas. Como o seu propio nome indica, o material novo introdúcese de maneira situacional, é dicir, preséntanse situacións deseñadas (con certo vocabulario e expresións gramaticais seleccionadas) para empregar a lingua meta. Neste mesmo país, nace nos 70 o método comunicativo, onde o esencial non son as formas lingüísticas, senón que as intencións comunicativas (funcións). Desta maneira, non existen diálogos modelo; é un método creativo que presta atención ao emprego da lingua apropiada para cada situación concreta.
Outro dos métodos propostos en Europa, aínda que por un exipcio, é o do silencio (“método Gattengo”), onde o alumnado emprega o seu propio proceso mental para descubrir as regras da lingua estranxeira. Consecuentemente, o docente está nun segundo plano e emprega xestos, mímica e apoios gráficos/visuais (regretas Cuisinaire); está en silencio, de aí o seu nome.
Por último, nada en Bulgaria, aparece a suxestopedia (“método Lozanov”), un método onde a aprendizaxe máis efectiva é a través da suxestión e rodeado dun ambiente relaxado (música de fondo, sofás, luz tenue...). A súa metodoloxía céntrase no vocabulario e nas destrezas comunicativas, deixando de lado o estudo da gramática.
MUNDO ANGLOSAXÓN
Por outra banda, o mundo anglosaxón tivo tamén un papel importante na aportación de métodos. Dende Boston, creouse o método natural (“método de Gouin”). O obxectivo que se pretendía era que a aprendizaxe da lingua estranxeira se parecera á aquela da lingua materna (non hai necesidade de traducir nin comparar).
Outros dos métodos que nace en EE.UU foi o audiolingüe (“método Fries”), no cal a prioridade esencial é potenciar a lingua falada (expresión e comprensión oral) como base para desenvolver a lectura e escritura. Seguindo a filosofía do condutismo, a súa metodoloxía baséase na repetición de exercicios (drills, model patterns), co fin de adquirir certos elementos lingüísticos sen darse conta. Existen catro pasos: escoitar (para entender), falar (reproducir, repetir), ler e escribir.
Dende California, chega o método Resposta Física Total (“método Asher”), o cal se basea na premisa de que o cerebro humano ten un coñecemento innato que permite aprender calquera lingua. Afirman que a memoria actívase pola resposta física do alumnado, polo que o énfase da súa metodoloxía está na comprensión oral, non na forma. Consecuentemente, o docente actúa como un director de teatro.
Finalmente, atópase un método creado por un indio e que xira ao arredor dunha tarefa: o traballo por tarefas. A súa finalidade é potenciar a competencia comunicativa do alumnado (protagonista), controlado sempre polo docente. Dous elementos clave a ter en conta son a creatividade e a importancia dos coñecementos previos en moitas ocasións.
Como se pode observar, Europa e o mundo anglosaxón foron os dous portadores principais de métodos de ensinanza para as linguas estranxeiras. Coñecelos e telos en conta é moi importante, xa que nos poden axudar en diferentes situacións como futuros docentes (ensinar vocabulario, gramática...). Ademais, dende a miña opinión persoal, creo que moitos deles resultan motivadores para o alumnado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario