domingo, 31 de xaneiro de 2016

DOSIER 1


Sesión: 26, Xaneiro

Nesta primeira entrada baixo a etiqueta ‘dosier’, falarei das dúas actividades colaborativas que realizamos todo o grupo-aula na primeira sesión desta materia: a pirámide e o xogo das preguntas sobre a presentación do docente.

Despois dunha breve presentación por parte de cada estudante, o docente falounos sobre certos aspectos relacionados coa materia: os obxectivos básicos, os contidos principais, a metodoloxía que se ía empregar nas súas clases, a utilidade de Faitic, os portfolios (blog) e a avaliación.

Ao tratar os contidos principais do tema, fixemos a nosa primeira actividade colaborativa: a pirámide. Aquí vos deixo unha infografía cos diferentes pasos que levamos a cabo para que vos fagades unha idea sobre o funcionamento da tarefa:


Entre todos os contidos que aparecían na lista, sen dúbida algunha, rapidamente chegamos a un acordo común: o máis importante é planificar e programar, xa que, dende a nosa opinión, este punto serve de base para todos os demais. Así mesmo, tamén falamos da relevancia das programacións para aqueles docentes que se integran nun centro educativo novo, xa que grazas a ela, saberase, por exemplo, o tipo de metodoloxía que se segue, os contidos que se deben impartir ou o tipo de avaliación que existe.

Para finalizar a sesión, fixemos a segunda actividade colaborativa: un xogo de preguntas. En grupos de 6 persoas, tivemos que pensar cinco preguntas que comezasen polas Wh-questions do inglés (como...?, cando...?, onde...?, por que...? e quen...?) que tiveran relación coa presentación do docente. Unha vez pensadas, un grupo tíñalle que formular unha das súas preguntas a outro grupo, e así sucesivamente. Co fin de evitar a competitividade, xa que pode afectar a parte afectiva de certos estudantes, decidimos non establecer un sistema de puntos.

  • Cal é a miña opinión xeral das tarefas?
Non cabe dúbida de que o traballo cooperativo ofrece varias vantaxes. En primeiro lugar, provócase que todos e cada un dos estudantes se comuniquen entre eles, favorecendo unha atmosfera positiva dentro do grupo-aula. Así mesmo, promóvese a construción de coñecemento xa que obriga a activar o pensamento individual e colectivo. Ademais, creo que é unha maneira moi distinta de levar á cabo unha sesión (vs. clase maxistral onde o docente é o principal protagonista e coñecedor da materia). Como consecuencia, aumenta a motivación polo traballo. E finalmente, este tipo de tarefas axudan a revisar e mobilizar os contidos da materia dunha maneira inconsciente e lúdica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario