mércores, 20 de xaneiro de 2016

ENTRADA 8

  • Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
  • Docente: Gonzalo Constenla
  • Unidade: 6
Pros e contras doutra forma de aprender: AICLE 

Para rematar a última unidade desta materia, a sexta, o docente falounos sobre un dos conceptos máis polémicos no mundo da docencia despois de publicarse o decreto de plurilingüismo: AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos en Lingua Estranxeira). Este termo fai referencia á proposta didáctica, adaptada en Europa no 1994, que integra nnunha mesma materia dous obxectivos: a aprendizaxe de certos contidos curriculares (de materias non lingüísticas: ciencias, arte, matemáticas...) á vez que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira (principalmente o inglés). 

Os partidarios deste enfoque aseguran que os beneficios da metodoloxía AICLE son evidentes tanto a nivel lingüístico como a nivel de contidos. De feito, son moitos os estudos realizados (sobre todo en Cataluña e o País Vasco) que certifican unha melloría nas competencias dos seus alumnos en lingua inglesa. Entre as diferentes vantaxes que ofrecen as catro áreas principais desta visión educativa (contido, comunicación, cognición e cultura), destacan as seguintes: 
  • Eleva o perfil da ensinanza de linguas estranxeiras de todo o centro educativo 
  • O alumnado está en contacto coa L2, polo que potencia as súas habilidades en idiomas, sobre todo a habilidade comunicativa (deixa de lado á gramática e enfócase na fluidez e espontaneidade da L2) 
  • Ofrece expectativas novas no ensino-aprendizaxe de idiomas, xa que é imprescindible o emprego dunha variedade de materiais e recursos didácticos 
  • Implica ao alumnado e a motivación vese potenciada, xa que se traballa dunha forma moi diferente á tradicional (actividades próximas á realidade) 
  • Fomenta o traballo en equipo, xa que prevalecen as actividades interactivas onde cada estudante aprende a organizarse e a desenvolverse en grupo/independentemente 
  • Favorece os procesos de pensamento creativo e crítico 
  • Fomenta o contacto con outras culturas (interculturalidade) 
Sen embargo, a pesar das súas vantaxes, son moitos os que se opoñen a esta reforma. En primeiro lugar, a problemática principal desta metodoloxía está relacionada cos docentes, xa que as clases son impartidas por especialistas da materia que, á súa vez, son competentes na lingua foránea (é preciso certificar un nivel B2 na L2; nivel que retrata un usuario independente). Sen embargo, cuestiónase se un simple B2 é suficiente para impartir unha clase na cal son precisas certas estruturas gramaticais e vocabulario específico en L2. Ben certo é que nalgúns países europeos existe unha formación especial que se realiza antes ou durante o período de docencia. Pero, entre os docentes que asisten a este tipo de cursos, atópanse aqueles que tiveron contacto co inglés fai moitos anos, co cal lles resulta difícil reciclar os seus coñecementos para acadar o nivel esixido. 

Ademais, os retractores desta metodoloxía afirman que o alumnado nin é capaz de desenvolverse na L2, nin adquire os coñecementos propios da materia (xa que estes son rebaixados). Así mesmo, aseguran que o alumnado, exposto aos erros producidos polos docentes (sobre todo, daqueles que non están ben formados), adquire a L2 incorrectamente; é dicir, fosilizan os erros. Por último, son moitos os que opinan que o necesario (e primordial) é dar unha boa base de L2 nas clases propias da lingua en cuestión, de forma que, tanto o alumnado coma o profesorado estean preparados cando haxa que enfrontarse a outras materias impartidas noutra lingua estranxeira. 

Dende a miña opinión persoal, creo que a metodoloxía AICLE supón un maior contacto coa lingua estranxeira (necesario no sistema educativo español). Ademais, creo que é unha metodoloxía que motiva aos estudantes e que mantén ao profesor en continua formación. Sen embargo, creo que se debería ter en conta que non todos os estudantes teñen a mesma capacidade para aprender idiomas, así como o feito de que non todos tiveron a mesma experiencia co inglés. Finalmente, creo que é ilóxico que unha persoa ensine a un grupo de estudantes unha materia non lingüística en inglés cando o nivel do docente é pésimo. 


As decisións hainas que pensar e tomar ben para que todo funcione correctamente dende un principio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario