sábado, 2 de xaneiro de 2016

ENTRADA 4

  • Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
  • Docente: Eduardo Varela
  • Unidade: 3
Os usuarios dunha lingua

Para a introdución da terceira unidade, o docente fixo referencia aos tres niveis básicos de dominio dunha lingua estranxeira (usuario A, B e C) e os subniveis de cada un deles. Se facemos referencia ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MERCL), este detalla os 6 niveis proporcionando as seguintes definicións:
  • O usuario A, o básico, é aquela persoa capaz de comunicarse, en situacións moi cotiás, con expresións de uso moi frecuente e empregando vocabulario e gramática básica. Este tipo de individuo, divídese a súa vez en dous niveis: A1 (plataforma) e A2 (umbral).
  • O usuario B, o independente, que se subdivide en B1 (umbral) é o usuario capaz de desenvolverse na maior parte das situacións que poden xurdir durante unha viaxe por zonas onde se emprega a lingua obxecto de estudo; e en B2 (avanzado) que é aquel capaz de relacionarse con falantes nativos cun grao suficiente de fluidez e naturalidade, de modo que a comunicación se realice sen esforzo por parte dos interlocutores.
  • O usuario C, o competente, subdivídese nun nivel C1 (dominio operativo eficaz) destinado e apropiado para tarefas máis complexas de traballo e estudo; e no C2 (maestría) que implica un grao de precisión, propiedade e facilidade no emprego da lingua que tipifica a fala do alumnado brillante.
Estes niveis de habilidade dentro dunha lingua estranxeira son os que definen aos individuos como usuarios da lingua en cuestión. O feito de que un individuo comece no nivel máis baixo e acade o máis alto, significa que este gañou estratexias comunicativas que lle permiten actuar con fluidez e espontaneidade nunha situación específica; noutras palabras, que se converte en plurilingüe.

Así mesmo, cabe destacar que, un individuo que se atopa en proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira, desenvolve a súa vez unha interculturalidade, é dicir, unha relación que se establece de forma intencionada entre culturas e que propugna o diálogo e o encontro entre elas a partir do recoñecemento noutro dos seus respectivos valores e formas de vida.



No ámbito das linguas estranxeiras, a interculturalidade céntrase nun enfoque cultural que promove o interese por entender a outros individuos que posúen unha lingua e cultura diferente. Este coñecemento permítelle ao individuo non só crear unha conciencia, unhas destrezas e unhas capacidades interculturais, senón que tamén a desenvolver unha personalidade máis rica e complexa, e unha maior capacidade de aprendizaxe doutras linguas e mellora nas novas experiencias culturais.

Pero, que é preciso para pasar dun nivel a outro? O MERCL establece que cada individuo precisa unha media de 1 000 horas de aprendizaxe dentro da aula para obter os criterios mínimos do nivel en cuestión. Este aprendizaxe, xunto cunha dedicación persoal fóra da aula, prepara a cada individuo para superar as catro destrezas das que se compón a maioría dos exames de certificación: expresión oral (speaking), expresión escrita (writing), comprensión oral (listening) e comprensión escrita (reading).

Sen embargo, parece ser que o sistema educativo español só se centra na gramática, deixando de lado o esencial dun idioma: a produción oral e o desenvolvemento da competencia comunicativa. Dende que comecei a estudar inglés, a metodoloxía da maioría dos docentes que tiven desta materia enfocábase na realización de exercicios (basicamente de gramática) que aparecían nos libros de texto. Como se pode pretender que un alumno estea preparado para superar unha proba de speaking cando non fixo ningunha actividade para practicar esta destreza? É incrible, pero así nos vai.


Ningún comentario:

Publicar un comentario