- Materia: As linguas estranxeiras no contexto español e internacional
- Docente: Eduardo Varela
- Unidade: 1
O MCER no seu contexto político e educativo
Para rematar o primeiro tema, o docente fixo referencia unha vez máis ao Marco Común Europeo de Referencia (MCER). Nesta segunda sesión, estivemos falando sobre os 9 capítulos que conforman dito documento. Dende a miña opinión, creo que o primeiro deles, o cal fala da política lingüística da comunidade, é un dos puntos máis relevantes para as persoas que estamos relacionadas co mundo das Linguas Estranxeiras, e máis no campo da docencia.
O principal obxectivo do Consello de Europa é o de acadar unha maior unidade entre todos os membros. Para iso, é moi importante que todas as persoas adquiran un mellor coñecemento das linguas europeas modernas co fin de facilitar, principalmente, a comunicación e a interacción entre os individuos que posen distintas linguas maternas. Deste xeito, e con dito coñecemento en man, todos estariamos preparados para:
- Viaxar, comunicarnos e actuar dunha maneira máis eficaz
- Respectar ás distintas variedades que conviven nun mesmo contexto (identidades e diversidade cultural)
- Preservar un dos elementos claves das diferentes culturas, é dicir, a lingua (evitando que as linguas minoritarias estean en perigo de extinción)
- Favorecer as necesidades dunha Europa multilingüe e multicultural e, consecuentemente, superar as barreiras lingüísticas e culturais
- Evitar os prexuízos que existan sobre certas culturas e a discriminación
- Fortalecer o sentimento de identidade
Como se pode observar, fomentar o coñecemento de varias linguas ou a coexistencia de diferentes linguas nunha sociedade determinada (multilingüismo) é esencial. Para iso, o MCER indica que é preciso ou ben integrar a ensinanza dunha maior variedade de linguas dentro dos centros educativos, ou reducir a posición dominante do inglés na comunicación internacional. Sen embargo, creo que ambas solucións son difíciles de levar a cabo xa que:
- Por unha banda, o sistema educativo español está actualmente baseado na aprendizaxe dunha serie de obxectivos. Cada estudante debe acadar certas competencias estipuladas no currículo, polo que o tempo é un factor determinante. Se se pretende integrar a ensinanza dunha maior variedade de linguas, seguramente, outras materias importantes veríanse afectadas no tocante ao número de horas dedicadas a certa materia.
- Por outra banda, o inglés foi dende sempre a lingua estranxeira por excelencia dos intercambios internacionais, é dicir, da globalización. Por iso, considero que modificar o estatus/prestixio desta lingua non é unha tarefa doada.
A pesar dos hándicaps presentados, os/as docentes deberían intentar fomentar o emprego e estudo das linguas estranxeiras dentro das aulas. Para iso, cada docente pode informar ao alumnado sobre os programas de mobilidade presentes na Unión Europea ou fomentar o coñecemento das diversas culturas a través das TIC (por exemplo: colaboración en blogs internacionais ou realización de cursos online ofrecidos por institucións doutros países).

Ningún comentario:
Publicar un comentario